O Sacra Festival achegará danza, teatro, poesía e música aos museos en maio e xuño

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A programación desenvolverase en diferentes espazos culturais da provincia con actividades gratuítas vinculadas á creación contemporánea e ao territorio
Presentación-Sacra-Festival-Museo-Lugo
9 May 2026

O Sacra Festival e a iniciativa Comunidade Museo impulsarán durante os meses de maio e xuño unha programación cultural en diferentes puntos da provincia de Lugo, cunha proposta que combinará danza, teatro, poesía, música e reflexión artística arredor do territorio e da creación contemporánea.

A primeira actividade celebrarase o venres 15 de maio no Museo Provincial de Lugo. Entre as 20:00 e as 21:00 horas terá lugar “In situ”, unha proposta do Ballet Colombiano de Cali. Posteriormente, de 21:00 a 21:30 horas, representarase “Antes de desaparecer”, unha peza de danza contemporánea a cargo de Julio César Iglesias Ungo e Carlota Pérez.

A programación continuará o domingo 17 de maio no Museo Fortaleza San Paio de Narla. De 18:00 a 19:00 horas desenvolverase “De corpo e palabra”, unha proposta que mestura danza, teatro, poesía e música en directo con Su Garrido, Andrea Nunes e o Colectivo Diversos. Ás 19:00 horas celebrarase ademais unha degustación de produtos da Ribeira Sacra.

O sábado 30 de maio o encontro trasladarase ao Pazo de Tor. Entre as 11:00 e as 14:00 horas desenvolveranse as “Xornadas de pensamento”, centradas nos espazos de creación na contorna rural. Xa pola tarde, de 14:00 a 16:00 horas, terá lugar un xantar intercultural coas conclusións e debate final do encontro. A xornada rematará coa mostra “Reinventar a paisaxe”, vinculada ao Encontro de Novos Creadores.

Ademais, os días 20 e 21 de xuño, de 16:00 a 19:00 horas, o Museo do Mar de San Cibrao acollerá un obradoiro de teatro para a comunidade impartido por Alma García. A mostra final deste obradoiro celebrarase o martes 23 de xuño entre as 11:00 e as 12:00 horas.

0.12775421142578