O SDC Cabreiros celebrará o 13 unha xornada festiva para pechar a tempada

A Sociedade Deportiva Cultural Cabreiros celebrará o vindeiro 13 de xuño a xornada “Memorias da Acea”, unha iniciativa coa que o club quere conmemorar o final da tempada reunindo xogadores, afeccionados e veciñanza nunha cita marcada pola convivencia e o recordo da historia da entidade.
Os actos desenvolveranse no Campo da Cea e darán comezo ás 11.00 horas coa disputa de partidos amigables nos que participarán futbolistas de distintas xeracións vinculadas ao club. A organización anima á veciñanza a achegarse ao recinto para gozar dun encontro que servirá para reunir a antigos e actuais integrantes da familia do Cabreiros.
Ao remate dos encontros deportivos celebrarase un vermú e posteriormente unha comida popular nas instalacións do campo. O menú estará composto por xamón cocido, polbo e churrasco, ademais de sobremesa, café e chupito. O prezo establecido é de 35 euros para os adultos, 18 euros para os nenos e nenas de entre 7 e 11 anos, mentres que os menores de 6 anos poderán asistir de balde.
A programación continuará pola tarde cunha sesión musical a cargo da discoteca móbil Eventec, que comezará a partir das 17.30 horas e poñerá o broche festivo á celebración.
As persoas interesadas en participar na comida ou en formar parte dos partidos poden inscribirse contactando coa organización. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 7 de xuño.
Desde o SDC Cabreiros destacan que esta xornada busca fortalecer os lazos entre as distintas xeracións que formaron parte da historia do club e converterse nun punto de encontro para celebrar o deporte, a amizade e o sentimento de pertenza á entidade.