O sector gandeiro pide a derrogación das axudas do lobo para poder revisalas

TerraChaXa
A SGPF, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e AGACA chegaron a un acordo para solictar a derrogación da orde das axudas para a prevención dos ataques do lobo para poder revisar en profundidade esta orde de axudas.
24 Xan 2019

A SGPF, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e AGACA chegaron a un acordo para solictar a derrogación da orde das axudas para a prevención dos ataques do lobo para poder revisar en profundidade esta orde de axudas.

O pasado 8 de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente publicou a orde de axudas para a prevención de ataques de lobo ás ganderías galegas. "A orde viña precedida de expectación dende o sector pois no 2018 non se publicaron axudas para este fin e na convocatoria de 2017 deixaron 6 días para realizar os investimentos", aseguran.

"Despois dun ano de espera e peticións de participación con algunha reunión na Consellería por parte das asociación implicadas recibimos con sorpresa a orde de axudas publicada o día 8. Primeiro porque non contén ningunha novidade importante, o orzamento é semellante ao do 2017, pero sobre todo porque contén erros importantes. Erros de cara á súa aplicación práctica e efectiva, coma a inclusión da necesidade de mercar un Mastín con “pedigrí” ou a inclusión do Can de Palleiro como raza de protección do gando. Parte destes erros foron corrixidos o día 16 coa publicación da Corrección de Erros que establecía unicamente a necesidade de inscrición no libro xenealóxico aos cans da raza Can de Palleiro", indican.

"A sorpresa foi maiúscula cando dende a SGPF contrastamos con tres empresas especializadas na realización de peches gandeiros (postes de madeira tratada, malla ovelleira e arames electrificados). As tres, unha vez lidos os requisitos dos peches establecidos no Anexo I punto 2 da orde, coincidiron en afirmar que estes peches non eran inviables tecnicamente e que caerían logo da súa instalación", explican.

"A orde obriga á instalación de postes de madeira tratada de 2 metros de alto que deberan soportar un peche de 1,70 m de alto, 1,5 metros de malla e dous arames electrificados a 10 e 20 cm por riba da mesma. Como resultado desta configuración o poste ten que enterrarse, no mellor dos casos, 30 cm na terra, dos que entre 10 e 15 corresponden á punta do poste. As recomendacións das empresas consultadas son de enterrar como mínimo 50 cm os postes para poder soportar a tensión da malla e dos arames", engaden.

Outro dos aspectos máis controvertidos destas axudas é que no momento de solicitude se deben de ter presentado no concello a perceptiva licenza e contar co resto de autorizacións no momento de solicitude (Rede natura 2000, augas, patrimonio, ...). Así mesmo a Memoria Técnica requirida, que para o gandeiro ten un custe aproximado de 300 €, para unha axuda máxima de 3.700 € supón un gasto desmedido para a realización deste tipo de peche.

"En definitiva, dende  o  sector  gandeiro  queremos  recalcar  a  importancia  destas  axudas  para  acadar  un  nivel  de convivencia aceptable coa fauna salvaxe e fomentar medidas preventivas que permitan unha adecuada xestión  da  situación  actual.  Lamentablemente,  logo  de  múltiples  reunións  e  intentos  de  achegar  as nosas propostas e posturas sobre a orientación das axudas ao longo de 2018, atopámonos agora cunha axuda mal planificada de orixe e con cambios, respecto das últimas publicadas en 2017, que van en contra das propostas presentadas e da realidade do sector", conclúen.

0.19807314872742