O Senado aproba a proposta do BNG para prolongar o terceiro carril entre Mondoñedo e o Alto da Xesta

A Comisión de Transportes do Senado aprobou este luns a proposta defendida polo BNG para prolongar o terceiro carril da estrada N-634 entre Mondoñedo e o Alto da Xesta, unha actuación demandada desde hai anos tanto pola formación nacionalista como pola veciñanza da comarca da Mariña.
A iniciativa foi presentada pola senadora do BNG Carme da Silva como emenda de adición a unha moción do Partido Popular centrada na instalación urxente dun sistema de balizamento láser e no reforzo dos sistemas de control, análise e avaliación das condicións meteorolóxicas na autovía A-8 ao seu paso polo Fiouco.
O obxectivo da proposta é habilitar un itinerario alternativo máis cómodo, seguro e fluído ante os frecuentes peches da A-8 provocados pola néboa, unha problemática recorrente neste tramo da autovía.
O texto aprobado recolle a necesidade de que o Goberno acometa o arranxo e adecuación da N-634 mediante a prolongación do terceiro carril desde o punto quilométrico 596 ata a rotonda de conexión coa A-8 no Alto da Xesta. A actuación afectaría a un tramo de aproximadamente 4,5 quilómetros entre os municipios de Mondoñedo e Abadín.
Segundo a proposta aprobada, esta intervención permitiría converter a N-634 nunha alternativa real á A-8 en situacións de intensa néboa, mellorando a seguridade viaria e favorecendo unha maior fluidez do tráfico na comarca.