O Sindicato Labrego Galego acusa ao Concello de Vilalba de opacidade no proxecto de agrupamento de terras

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia a ocultación de información e a falta de transparencia por parte do Concello de Vilalba na xestión do “proxecto de agrupamento de terras de uso agrario” posto en marcha por Vilalba Aberta. A organización esixe transparencia inmediata e a convocatoria urxente dunha reunión formal.
O SLG recorda que ten a condición de organización “máis representativa” ao abeiro da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario de Galicia, unha representación que se reflicte na súa presenza en órganos como o CES-Galicia, o Consello Galego de Estatística, o Consello Galego de Medio Ambiente, o Consello Forestal de Galicia ou o Consello Reitor de Augas de Galicia. A entidade sinala ademais que conta cunha oficina aberta en Vilalba dende hai máis de tres décadas para a atención ás persoas labregas.
Segundo denuncia o sindicato, o Concello de Vilalba xa elaborou o proxecto e anunciou publicamente, a través dunha nota de prensa do 11 de agosto, a súa intención de ampliar a tres meses o prazo de solicitudes. Os representantes do SLG, malia seren unha das organizacións agrarias máis representativas do país, non foron informados oficialmente nin convocados a ningunha mesa de traballo sobre este asunto.
A organización agraria asegura descoñecer tanto o contido do proxecto como o orzamento previsto. O sindicato sostén que o Concello anuncia publicamente unha iniciativa para o sector agrario sen que as organizacións representativas teñan acceso aos detalles técnicos, económicos nin ás bases reguladoras, o que impide avaliar o alcance real da medida. O SLG rexistrou o 13 de agosto unha solicitude de información que, segundo indica, segue sen resposta.
O Concello afirmou á prensa que actúa seguindo as “recomendacións das Centrais Sindicais Agrarias” e que mantén “permanente contacto” con elas. O SLG rexeita esta versión: asegura que, pese ao seu traballo continuado en Vilalba durante máis de trinta anos, non foi consultado nin recibiu información previa sobre as bases do proxecto, os prazos ou a modificación anunciada, e que coñeceu os detalles exclusivamente a través da publicación na prensa.
Para o sindicato, esta falta de información non só supón un desprezo á súa representación senón que impide ao sector agrario exercer o seu dereito a participar con coñecemento pleno e tempo suficiente. Ao non coñecer con antelación as condicións, prazos, contido e orzamento do proxecto, os propietarios e profesionais ven dificultada a súa capacidade de organizarse e tomar decisións sobre unha medida que afecta directamente ao futuro das súas explotacións.
O Sindicato Labrego Galego reclama tres cuestións ao Concello de Vilalba. En primeiro lugar, unha transparencia inmediata coa suspensión da tramitación e a publicación, polos canais oficiais e coa difusión axeitada, da totalidade do proxecto, das súas bases reguladoras e do seu orzamento detallado, abrindo un prazo para alegacións e achegas.
Tamén reclama participación real, a convocatoria urxente dunha reunión formal coas centrais sindicais agrarias, incluído o SLG, para debater o contido, os prazos, as dotacións económicas e as necesidades reais do sector antes de aprobar calquera modificación.
Finalmente pide rectificación pública, que o Concello aclare que a información non foi compartida coa organización, rectificando así as súas declaracións á prensa.