O Sindicato Labrego Galego cuestiona o proxecto dunha residencia privada en Vilalba

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fixo público un comunicado no que critica as declaracións da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sobre o proxecto dunha residencia privada no antigo hotel Villamartín. A rexedora cualificara a iniciativa como unha resposta a unha “necesidade real” e unha “demanda histórica” da veciñanza, unha afirmación que o sindicato considera “falsa e interesada”.
Segundo o SLG, a reivindicación histórica da sociedade vilalbesa pasa pola creación dun sistema público de atención ás persoas maiores e dependentes, "e non pola implantación de centros privados con custos que poderían situarse entre os 2.000 e os 3.000 euros mensuais". A organización advirte de que este modelo non responde ás necesidades reais da maioría das familias, "que non poderían asumir ese gasto", e insiste en que os servizos deben ser accesíbeis e de titularidade pública.
O sindicato pon o foco tamén na situación demográfica da vila e da comarca da Terra Chá, marcada por un progresivo envellecemento da poboación. De acordo cos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Vilalba conta con 13.852 habitantes, dos cales arredor do 30% teñen máis de 65 anos, unha proporción que continuará aumentando nos vindeiros anos. Neste contexto, o SLG alerta de que a falta de prazas públicas en centros de día e residencias está a deixar sen resposta a un número crecente de familias.
No comunicado, a organización agraria denuncia que a Xunta de Galicia está a favorecer un modelo privatizado de residencias que, ao seu xuízo, "implica custos elevados e non garante unha atención de calidade". Ademais, critica que se priorice o beneficio empresarial fronte ao benestar das persoas usuarias.
O SLG lembra que as competencias en materia de servizos sociais corresponden á administración autonómica, pero considera que o Concello debe asumir un papel activo e esixir un plan integral que inclúa a creación dun centro de día público, unha residencia de maiores accesíbel economicamente e o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar. Neste sentido, acusa ao goberno local de limitarse a apoiar iniciativas privadas sen presentar unha proposta pública que dea resposta ás necesidades da veciñanza.
A organización tamén reclama explicacións ao executivo municipal sobre o custo real das prazas na futura residencia, a calidade dos servizos que se ofrecerán e a colaboración mantida co promotor privado nos últimos anos. Así mesmo, lembra que xa en 2021 trasladara ao Concello a necesidade de impulsar un plan público de atención á dependencia, unha proposta que, segundo denuncian, non foi atendida.
O sindicato conclúe esixindo ás administracións implicadas que adopten medidas efectivas para garantir servizos públicos de calidade destinados ás persoas maiores e dependentes, nun contexto de crecente envellecemento da poboación.