O Sindicato Labrego Galego denuncia a falta de diálogo do Concello de Vilalba no proxecto de agrupamento de terras

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) critica a falta de interlocución previa por parte do Concello de Vilalba na elaboración, difusión e aprobación do «Proxecto de Agrupamento de Terras de Uso Agrario no Concello de Vilalba». A organización agraria participará este martes, 8 de setembro, ás 20.30 horas na reunión informativa convocada na Casa da Cultura, aínda que considera que chega demasiado tarde, unha vez publicada a norma que regula a iniciativa.
O SLG censura que o Concello non consultase previamente nin ás organizacións agrarias nin á veciñanza e lembra que a Lei 1/2006 do Consello Agrario de Galicia recoñece á organización como «unha das organizacións máis representativas de Galicia», polo que considera que debería ser tida en conta na elaboración de normativa que afecte ao sector primario.
A entidade agraria cualifica de «auténtica chapuza» a xestión da iniciativa e advirte de que unha proposta que podería ser positiva «se se fai de costas á veciñanza está condenada ao fracaso». Ao seu xuízo, unha reunión meramente informativa posterior á aprobación do proxecto non pode substituír unha fase previa de consulta e participación. «O que agora se presenta non é un espazo de interlocución real, senón un acto de difusión dun proxecto xa pechado», sinala.
O sindicato lembra ademais que o pasado 13 de agosto solicitou formalmente ao Concello información sobre a iniciativa, despois de coñecer a súa existencia a través dos medios de comunicación. Nese momento, segundo denuncia, as declaracións municipais apuntaban a que o proxecto contaba coa colaboración das organizacións agrarias, algo que o SLG nega: «non fomos consultados en ningún momento».
Outra das críticas céntrase nos prazos. Para a organización, a publicación da axuda no mes de agosto, unido ao reducido período para presentar as solicitudes, pode limitar considerablemente a súa utilidade. «Os prazos son moi xustos e, se non se traballa isto antes, no momento de publicar a norma, entre que se dá a coñecer e se fai, xa rematou o prazo», advirte.
O SLG defende que antes de aprobar a iniciativa debería terse reunido co sector agrario e coa veciñanza para explicar o proxecto, recoller propostas e desenvolver unha campaña de información que permitise ás persoas interesadas preparar a documentación necesaria.
A organización tamén expresa preocupación polo contido da propia norma, especialmente porque non establece prioridades para as explotacións agrarias e prevé que a adxudicación se realice por orde de entrada. O sindicato considera que isto non responde ás necesidades das centos de granxas do municipio, que afrontan problemas relacionados coa falta de base territorial e coa reducida superficie das parcelas.
«Non entendemos, polo tanto, a quen pretende beneficiar o vicealcalde Modesto Renda. Dende logo, ás granxas do concello non», afirma o SLG, que teme que a ausencia de requisitos específicos poida favorecer usos distintos da actividade agraria e mesmo a especulación.
Tamén cuestiona a memoria que deberán presentar as persoas solicitantes, ao considerar que por si soa non garante o cumprimento dos obxectivos establecidos na norma. O sindicato sinala, ademais, que descoñece como serán avaliadas esas memorias e que perfís técnicos se encargarán desa tarefa.
Neste sentido, alerta de que «calquera pode acceder á axuda para logo construír, plantar, especular ou dedicar a outra cousa que non sexa a actividade agraria» e reclama unha regulación máis precisa e unha planificación previa que teña en conta todas as variables.
O SLG confirma a súa asistencia á reunión deste martes e agarda que dela saia «unha comisión de traballo efectiva» que permita incorporar as achegas da veciñanza, mellorar a normativa e ampliar os prazos. «Non imos defender unha lei que permita a especulación e o lucro do máis rápido ou listo da vila», conclúe.