O SLG denuncia a opacidade de Medio Rural na xestión da couza guatemalteca

TerraChaXa | AMariñaXa
O SLG denuncia a opacidade de Medio Rural na xestión da couza guatemalteca na Mariña e a exclusión dxs labregxs da xestión da praga Diante do anuncio na web da Xunta de Galicia do levantamento da prohibición de plantar pataca nalgúns concellos da Mariña afectados pola praga da couza guatemalteca (Tecia solanivora), desde o Sindicato Labrego Galego da Mariña queremos manifestar o seguinte: "O levantamento parcial da prohibición, do que loxicamente nos aledamos, seguiu o mesmo procedemento que o da imposición da mesma e a súa prórroga durante estes catro anos pasados: a opacidade.
1 Dec 2020

O SLG denuncia a opacidade de Medio Rural na xestión da couza guatemalteca na Mariña e a exclusión dxs labregxs da xestión da praga

Diante do anuncio na web da Xunta de Galicia do levantamento da prohibición de plantar pataca nalgúns concellos da Mariña afectados pola praga da couza guatemalteca (Tecia solanivora), desde o Sindicato Labrego Galego da Mariña queremos manifestar o seguinte:

"O levantamento parcial da prohibición, do que loxicamente nos aledamos, seguiu o mesmo procedemento que o da imposición da mesma e a súa prórroga durante estes catro anos pasados: a opacidade. Non coñecemos que datos motivan a apertura nuns concellos e o mantemento do peche noutros, de igual maneira que descoñecemos a xustificación do emprego do límite municipal (fronte ao parroquial, por exemplo) á hora de abrir e pechar territorios.

Denunciamos a inexistencia dunha fonte transparente de datos sobre as capturas de couza realizadas e a súa evolución porque a Consellería de Medio Rural non incluíu as organizacións agrarias como lexítimas representantes dos labregos e das labregas afectad@s nin no deseño da estratexia nin no seu seguimento. Tampouco foron incluídas as explotacións que se dedican profesionalmente á produción de pataca, cuxa afección foi moi superior ao resto e deberían ter sido cando menos informadas puntualmente.

A maiores, o anuncio do levantamento do peche coñeceuse a través dos medios de comunicación sen que existise, previamente, ningunha información oficial. Esa nova fíxose pública a finais de novembro, nunhas datas nas que a semente debería estar sendo xa encargada, xerando consultas e chamadas urxentes ás que non podemos dar resposta dende as organizacións agrarias e nin sequera dende as oficinas agrarias comarcais, xa que, coma nós, só coñecen os datos publicados pola prensa.

Diante desta situación, desde o Sindicato Labrego Galego solicitamos á Consellería de Medio Rural a publicación dos resultados da mostraxe de 2020 que xustifican o mantemento do peche na maioría dos concellos mariñáns. Cómpre rematar coa opacidade, a improvisación e iniciar unha nova senda de maior cooperación e transparencia en beneficio do noso rural e dos labregos e labregas, tanto quen viven profesionalmente da actividade agraria, como aquelas familias que teñen no cultivo de pataca unha das súas principais vías de obtención de alimentos de produción propia".

0.15196990966797