O SLG denuncia que Logística Alimentaria segue con impagos a gandeiros

TerraChaXa
O Sindicato Labrego fixo un comunicado no que asegura que a empresa Logística Alimentaria continúa con impagos de leite a través da empresa TeGestacín SL malia que a empresa afirma que non é así.
13 Xuño 2019

O Sindicato Labrego fixo un comunicado no que asegura que a empresa Logística Alimentaria continúa con impagos de leite a través da empresa TeGestacín SL malia que a empresa afirma que non é así.

"A empresa Logística Alimentaria, rexentada pola familia Sangiao cun amplo historial de impagos con Lácteos Tambre, volve reincidir na súa morosidade ás granxas ás que lles recolle o leite. En días pasados, Logística Alimentaria emitiu un comunicado autoexculpándose destas acusacións afirmando que dende 2018 non compra leite no campo, centrando a súa actividade na transformación industrial. Porén, esta afirmación non é de todo certa. Logística Alimentaria segue mercando leite a través da empresa TeGestacín SL. Dende o Sindicato Labrego Galego contactamos con granxas que xa acumulan entre un e dous meses de impagos de TeGestacín; estas explotacións denuncian que os atrasos nos cobros son tamén frecuentes. Desta vez, a escusa para non pagar baséase en que un virus informático lles impide abonar as mensualidades pendentes", explican.

O equipo xurídico do Sindicato Labrego Galego está a estudar unha posible demanda xudicial contra a empresa con sede en Outeiro de Rei se non resolve axiña ese “virus informático que lle impide cumprir as súas obrigas coas granxas. Pero, antes de ter que chegarmos á vía xudicial, a Consellaría de Medio Rural debería facer o seu traballo e mediar de maneira inmediata entre as empresas morosas e as granxas para resolver canto antes estes impagos que poñen en perigo a liquidez e economía das familias labregas afectadas" engaden.

Máis alá dos impagos, dende o Sindicato Labrego Galego volven reiterar a súa demanda á Consellaría de Medio Rural para que regule un sector no que "parece ser que, coa súa complicidade, se pode delinquir impunemente".

"En primeiro lugar, consideramos que o feito de que siga a haber primeiros compradores que teñen deixado impagos, algúns mesmo condenados por iso como a familia Sangiao con Lácteos Tambre, sigan operando no mercado lácteo, é responsabilidade directa da Xunta de Galicia. O SLG leva máis dunha década pedindo que se regule a actividade dos primeiros compradores; en concreto, que a Administración lles esixa o depósito de avais ou outro tipo de garantías que cubran posibles impagos, e que exista unha vía de reclamación rápida e efectiva para as granxas que sufran a morosidade poidan ingresar o antes posible os cartos que lles deben.

Ademais, deberíase denegar a licenza para mercar leite a aquelas empresas ou persoas que teñan sido condenadas por impagos. Non é de recibo que empresarios como David López arruinase primeiro cooperativas como Xertigan, e que despois poida seguir con presuntas prácticas fraudulentas e impagos coa empresa Lácteos Ortegal coma se nada; ou que a familia Sangiao, tras varias sentenzas condenatorias, disolvese Lácteos Tambre e seguise operando no mercado con Logística Alimentaria e, agora, con TeGestacín SL", explican.

0.19427680969238