O SLG e Stop Biometano Abadín solicitan unha reunión co alcalde para abordar a moratoria das plantas de biogás

O Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Stop Biometano Abadín rexistraron este mércores no Concello unha solicitude de reunión co alcalde e co persoal técnico municipal para analizar as últimas novidades sobre a autorización de plantas de biogás e as súas posibles repercusións no municipio.
As dúas entidades queren coñecer o alcance da proposta presentada o pasado 13 de novembro en Santiago de Compostela para establecer unha moratoria dos novos procedementos de autorización de plantas de biogás mentres a Xunta non aprobe unha planificación específica no marco do Plan de Residuos Industriais de Galicia.
Así mesmo, solicitan información sobre a reunión mantida o 12 de novembro entre o alcalde de Abadín e o conselleiro de Medio Ambiente, Nicolás Vázquez Iglesias, así como sobre os posibles compromisos acadados en materia de biogás e planificación ambiental.
O Sindicato Labrego Galego considera insuficiente a moratoria proposta, xa que, segundo sinala, só suspende a tramitación dos expedientes, pero non impide que a industria presente novas solicitudes de autorización durante ese período. Ademais, cuestiona a excepción prevista para as plantas vinculadas funcionalmente a explotacións gandeiras, ao non establecer un límite máximo de capacidade. Esta circunstancia podería deixar fóra da moratoria proxectos de grandes dimensións, como o previsto en Abadín.
Ante esta situación, as dúas organizacións consideran necesario manter un encontro co goberno municipal para trasladarlle as preocupacións, demandas e propostas da veciñanza e do sector agrario e gandeiro respecto da implantación de plantas de biometano no territorio.
A reunión tamén pretende explorar posibles vías de colaboración que permitan garantir a máxima protección ambiental, a seguridade xurídica e unha resposta ás inquietudes sociais xeradas por este tipo de instalacións.
O Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Stop Biometano Abadín agradecen de antemán a atención do Concello e confían en que a reunión poida celebrarse nun prazo razoable, dada a actualidade e relevancia dos asuntos que pretenden abordar.