O SLG estuda convocar manifestacións polo peche de mercados

TerraChaXa | AMariñaXa
O SLG estuda convocar manifestacións polo peche de mercados. Traballan tamen na elaboración dunha demanda legal
20 Jan 2021

Na última semana, houbo varios concellos que decretaron unilateralmente o peche dos seus mercados de alimentos labregos (Melide, Cambre...), decisión que critican dende o Sindicato Labro Galego. Explican que isto pode contribuír a incrementar os contaxios por dúas razóns: "En primeiro lugar, está demostrado que son máis seguras as actividades ao aire libre, onde habitualmente se celebran este tipo de feiras alimentarias; que en recintos pechados como supermercados. Ademais, mentres que nos primeiros non existe contacto entre os consumidores e os produtos até que se fai a compra, nos segundos é imposibel controlar a manipulación dos produtos nos andeis por quen queira tocalos ou manosealos. En segundo lugar, nas localidades onde se decretou a prohibición, estase forzando ás persoas que facían a compra en mercados labregos a acudir aos supermercados, incrementándose o aforo destes e, polo tanto, os riscos de contaxio por aglomeración".

Dende o SLG "non entendemos a fixación dalgúns gobernos municipais por entorpecer e prohibir a venda directa de alimentos cando, ademais, se trata de produtos de primeira necesidade cuxa circulación está protexida polas autoridades comunitarias e estatais en tempos de crise. Ademais, nin sequera existe unha orde oficial, nin do Goberno do Estado nin da Xunta, que obrigue a pechar estes mercados de alimentos. Se a lóxica é a de reducir a incidencia de contaxio, daquela deberían pechar os supermercados, pois o perigo de contaxio é maior neles. Obviamente, aducirase que se debe garantir o fornecemento de bens de primeira necesidade á poboación: Pois, precisamente, iso é o que fan os mercados labregos que, ademais, venden produtos de cercanía, favorecendo o desenvolvemento económico local e, especialmente, o rural". Por iso, esixen "que non se force a aquelas persoas que elixe mercar produtos locais a ir aos supermercados e que se garanta a súa libre elección á hora de consumir produtos labregos de cercanía".

Dende o Sindicato Labrego Galego estudan o a posibilidade de organizar accións de protesta e de desobediencia civil "para denunciar unha prohibición que non se pode xustificar dende ningún punto de vista", ao tempo que os servizos xurídicos traballan na elaboración dunha demanda legal "polos riscos sanitarios que supoñen estas prohibicións e por impedir o desenvolvemento dunha actividade que se debe garantir en tempos de crise, tal e como ordena explicitamente a Unión Europea nas súas instrucións para facer fronte á covid-19".

0.10101199150085