O SLG pide axudas para as granxas galegas

TerraChaXa
O SLG fai un chamamento a Medio Rural para a creación de axudas que servan para apoiar as granxas galegas desasistidas polo Estado na crise do COVID-19.
17 Maio 2020

O SLG fai un chamamento a Medio Rural para a creación de axudas que servan para apoiar as granxas galegas desasistidas polo Estado na crise do COVID-19. Como explican, son miles as explotacións en Galicia non teñen cobertura nos apoios do Ministerio de Agricultura fronte ás perdas xeradas polas restricións da emerxencia sanitaria.

Dende a declaración do estado de alarma, o sector alimentario estivo en activo para garantir o abastecemento de alimentos para a cidadanía. Dentro del, as granxas galegas tamén continuaron coa súa actividade. "Porén, boa parte delas atópanse completamente desasistidas porque ou ben non se contempla ningunha axuda dende o Estado para compensar as perdas económicas que están a sufrir a causa das restricións, ou ben as que se articulan resultan insuficientes para as nosas explotacións", indican.

"De seguirmos así, con miles de granxas en serios apuros económicos e sen ningún tipo de apoio ou axuda pública para apoialas, poderiamos asistir nos vindeiros meses ao peche de moitos proxectos agrogandeiros por serlles imposible continuar coa súa actividade nas actuais condicións. Ademais, Galicia ten unha grande dependencia alimentaria do exterior, sendo importadora neta de produtos agrogandeiros, polo que non podemos permitirnos o luxo de pechar máis granxas", afirman.

Engaden que neste momento, están tendo dificultades todos os sectores que facían venda directa e os que comercializaban a través do canal Horca (hoteis, restaurantes e comidas preparadas). Na maioría dos casos combinaban varias formas de venda (cestas a domicilio, venda na propia finca, feiras, restaurantes, bares, hoteis, pequenas tendas, Internet...) e, dependendo da canle que predomine, están tendo máis ou menos problemas. En moitos casos, cesaron a actividade comercial por completo ao pechárselles todas as vías de saída da súa produción (mercados, feiras, bares, restaurantes e hoteis).

Ademais, moitos proxectos labregos son multifuncionais e teñen producións diversificadas (froita, horta, mel, patacas, vides, algún animal...). Estes casos, moi frecuentes en Galicia, quedarían fóra de todas as liñas de axuda contempladas até agora, xa que se están a convocar para explotacións cunha única orientación produtiva e con límites por abaixo (número mínimo de animais, por exemplo) ao que moitas explotacións non chegan.

Por todo isto aseguran que é necesario que a Consellaría de Medio Rural formule outras posibilidades de apoio a través das axudas de minimis. Estas son aquelas que non alteran a libre competencia no entorno comunitario. Son pequenas axudas que pode conceder un estado membro sen a obriga de comunicarllo á Comisión Europea. Actualmente, ampliouse a contía das axudas de mínimis para o sector agrícola pasando de 25.000 euros (durante tres periodos fiscais) a 100.000 euros.

0.05575704574585