O SLG pregunta ao Catastro se os erros masivos na revisión de Vilalba e Cospeito se dan en máis concellos

TerraChaXa
Do mesmo xeito que aconteceu en Vilalba o ano pasado, neste 2018 a veciñanza de Cospeito vén de recibir 400 notificacións nas que lles reclaman atrasos do IBI de 2016 a bens regularizados ese mesmo ano.
11 May 2018

Do mesmo xeito que aconteceu en Vilalba o ano pasado, neste 2018 a veciñanza de Cospeito vén de recibir 400 notificacións nas que lles reclaman atrasos do IBI de 2016 a bens regularizados ese mesmo ano. "Xa non abondaba cos prexuízos económicos do catastrazo -taxas de 60 euros na revisión de cada ben e o correspondente incremento do IBI-, senón que agora castigan aos e ás contribuíntes cunha carreira de obstáculos burocrática innecesaria motivada por erros administrativos", segundo indican os responsables do Sindicato Labrego Galego.

Despois de varias comprobacións, o SLG asegura que moitos deses expedientes correspóndense con cortes e instalacións agrarias e non teñen a obriga de pagar eses atrasos porque as alteracións deberían ter efectos no Catastro Inmobiliario dende o 1 de xaneiro seguinte a aquel no que se publique a resolución do procedemento de regularizacion catastral en cada municipio.

A normativa reguladora especifica di sobre a data de alta para as construcións indispensables para o desenvolvemento das explotacións agrarias que: “Los valores tendrán efectividad el día 1 de enero siguiente a aquel en que se publique la mencionada resolución, con independencia de la fecha en que se notifiquen.” Tal e como explican "o erro radica en que os expedientes foron tramitados como de regularización e non como regularización rústica indispensable”.

No Sindicato Labrego Galego están preocupados de que esta situación se teña dado no pasado en máis concellos ademais de Vilalba e Cospeito, e se estea a producir na actualidade noutros municipios galegos. Tendo en conta que o problema xorde nos concellos que teñen ponencia de valores anterior ao 1 de xaneiro de 2006, que na provincia de Lugo só 11 concellos dos 67 a teñen actualizada nunha data posterior, e que na actualidade a maioría xa teñen rematado o proceso de regularización, podería haber ducias de municipios afectados en toda Galiza nos que se lles está a cobrar atrasos do IBI indebidamente.

Diante disto, o Sindicato Labrego Galego rexistrou un escrito dirixido á Xerencia Territorial do Catastro preguntándolle se esta situación se deu en máis concellos galegos e, de ter sido así, en cantos e cales. Tamén lle pregunta cal é a maneira de proceder do Catastro diante desta problemática e se van revisar de oficio os expedientes. "En caso de non terse feito estas comprobacións, dende o SLG urximos ao Catastro a comprobar todos os concellos nos que se puido detectar este problema e a actuar de oficio, informando aos e ás contribuíntes afectados/as. A maiores, tamén pedimos unha entrevista con reponsables da Xerencia Territorial do Catastro para abordar esta problemática", engaden.

 

0.1506679058075