O SLG reclama á Xunta a garantía para que a gandería sostible quede exenta de enterrar os xurros
O Sindicato Labrego Galego aseguro que a poucos días de que remate o ano 2018, os sectores agrogandeiros seguen sen saber que vai ser deles coa obriga de enterrar os xurros cando se aplican para fertilizar a terra. "Agora mesmo, en Galiza, non se poden utilizar sistemas de canón, pero permítese empregar os de abano -os máis usados na nosa terra- para esparexer grazas a unha moratoria que o Ministerio de Agricultura permitirá ampliar durante 2019. Pero, mentres non se diga o contrario, a obriga de mercar maquinaria para enterrar os xurros e evitar penalizacións nas axudas da PAC, mentres non se faga oficial o contrario, segue vixente", din.
"En xuntanzas mantidas coa anterior conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, se nos dixo que Galiza non ía ter que cumprir con esta obriga. Isto mesmo foi reiterado pola nova Consellaría que dirixe José González no último Consello Agrario Galego, celebrado o pasado 13 de novembro. O problema é que todas estas promesas foron feitas en xuntanzas internas, sen que, a día de hoxe, haxa unha posición pública da Consellaría de Medio Rural que garanta que as nosas granxas ficarán exentas de cumprir a obriga de enterrar os xurros. E iso que dende o SLG llela pedimos por diversas vías sen obter resposta algunha a día de hoxe", engaden.
Para a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, “dende a Xunta, prometéndonos en xuntanzas internas e sen publicidade que as nosas granxas ficarán exentas desta obriga, queren manter tranquilos os sectores agrarios afectados. Paralelamente, esa mesma Consellaría de Medio Rural subvenciona a compra de inxectores e promove a aplicación da orde a través das oficinas agrarias comarcais. Creo que a intención de Medio Rural non é outra que manter desactivadas as posibles protestas no agro galego a causa desta inxusta obriga até que sexa demasiado tarde para dar marcha atrás”.
"Se a Consellaría de Medio Rural non fai nada, as granxas afectadas por esta orde -principalmente as de vacún de leite e carne- estarán obrigadas a facer un desembolso millonario no seu conxunto para mercar unha maquinaria que non vai paliar o máis mínimo as emisións de gases con efecto invernadoiro á atmosfera. Ao mesmo tempo, as principais causantes da contaminación -grandes cebadeiros de porcino e industria de fertilizantes, localizadas principalmente en Aragón e Cataluña- van poder seguir contaminando ao seu antollo e sen cancelas", remarcan.
"Dende o Sindicato Labrego Galego non queremos nin moratorias nin excepcionalidades. Para o SLG, deben quedar exentas de cumprir coa obriga de enterrar xurros todas as producións agrogandeiras de pequena e media escala, que traballan en extensivo e con base territorial, e que nada teñen que ver coa emisión de gases con efecto invernadoiro que se pretende paliar. E para ter garantías, esa exención debe publicarse no Diario Oficial de Galicia. Obrigalas a mercar unha maquinaria inútil para enterrar os xurros é o mesmo que penalizar prácticas gandeiras sostibles, ao tempo que se indultan os grandes contaminadores do Estado"conclúen.