O socialistas vilalbeses reclaman á nova Xunta "as demandas bloqueadas"
Os socialistas de Vilalba lémbranlle á nova Xunta de Galicia “as necesidades e demandas pendentes do goberno galego co noso concello, con proxectos moi importantes bloqueados desde hai anos”.
O secretario xeral do PSdeG de Vilalba, Eduardo Vidal, demándalle ao Executivo de Alfonso Rueda “máis diálogo co noso concello e coa nosa alcaldesa”. “Desde que hai catro anos Núñez Feijóo prometeu en campaña que Vilalba ía ser prioritaria para a Xunta, non avanzamos nada”, lamenta.
“Nada máis tomar posesión Alfonso Rueda por primeira vez, hai dous anos, a alcaldesa de Vilalba pediulle unha reunión para desbloquear proxectos clave para Vilalba, pero en ningún momento atendeu a súa solicitude”, lembra.
Desde o pasado mes de novembro, o concello insiste todas as semanas sen éxito nas reunións que ten solicitadas co presidente da Xunta; coa conselleira de Política Social; o secretario xeral para o Deporte, ou o director xeral de Mobilidade para falar de proxectos clave como o centro de día, a estación de autobuses, as carencias do centro de saúde, ou a necesidade de incrementar a aportación da Xunta ao SAF, entre outros temas.
“A nula colaboración por parte da Xunta é un desprezo aos vilalbeses”, engade Vidal, “e unha forma de entender a política completamente partidista, porque así castigan aos veciños e as veciñas de Vilalba”.
“O concello asume cada vez máis competencias impropias e necesitamos máis apoio, a Xunta comeza unha nova etapa e pedimos un cambio de actitude, que polo menos reciban ao concello para escoitar as súas demandas”, remata o secretario xeral dos socialistas.