O Supremo confirma a validez do plan reitor das Fragas do Eume aprobado pola Xunta

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa
O Executivo autonómico defende que as restricións derivadas da protección dun espazo natural non xeran automaticamente un dereito a recibir indemnizacións
fragas-do-eume-encoro-da-ribeira
20 Oct 2026

O Tribunal Supremo confirmou a validez do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUG) das Fragas do Eume ao inadmitir a trámite o recurso de casación presentado por unha das asociacións de propietarios deste espazo natural contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avalaba a normativa aprobada pola Xunta.

A decisión do alto tribunal ratifica o fallo ditado o pasado mes de marzo polo TSXG. O Supremo considera que o recurso non xustifica suficientemente a existencia de interese casacional, un requisito necesario para que poida ser admitido a trámite.

Na súa resolución, o tribunal sinala que os recorrentes non argumentaron de forma adecuada a suposta contradición da sentenza con outras resolucións xudiciais. Ademais, apunta que non abonda con afirmar que o fallo prexudica os intereses xerais, senón que é preciso explicar os motivos, e que tampouco se acreditou que o TSXG se afastase deliberadamente da xurisprudencia.

Esta decisión súmase a outras sentenzas nas que o tribunal galego avalou o plan reitor das Fragas do Eume e considerou improcedente indemnizar os propietarios de terreos situados no interior do parque polo feito de estaren sometidos ás limitacións propias dun espazo natural protexido.

Desde a Xunta consideran que a resolución do Supremo supón un novo respaldo xudicial á posición que o Goberno galego mantén sobre o PRUG, tras os pronunciamentos do TSXG coñecidos en marzo.

O Executivo autonómico defende que as restricións derivadas da protección dun espazo natural non xeran automaticamente un dereito a recibir indemnizacións. Segundo sostén, para que exista esa posibilidade é necesario acreditar unha perda económica real vinculada a aproveitamentos que xa existían.

A Xunta tamén destaca que o plan reitor é o instrumento que permite garantir, dentro da legalidade e de maneira proporcionada, a compatibilidade entre a conservación das Fragas do Eume e os usos permitidos no parque.

0.15297293663025