O Teatro Afeccionado fai parada este domingo en Pastoriza

O Ciclo de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, levará once novas representacións teatrais aos concellos da provincia,
Esta iniciativa supón unha axuda para o mantemento do tecido cultural e das agrupacións teatrais amadoras, ao tempo que permite aos concellos e asociacións ampliar as súas axendas culturais.
Así, este domingo, 29 de novembro, Os Trocos porán en escena A Xoia do Farón en Pastoriza. Será no salón de actos do Concello ás 19.00 horas.
Trátase dunha obra dirixida a todos os públicos na que un grupo de galegos visita o Museo Arqueolóxico de Madrid, despistándose durante o percorrido e quedando pechados. Polas normas do Museo, os seus móbiles están nunha estancia, á que non poden acceder. Esa mesma noite, uns ladróns entran no Museo para facerse cun colgante recen chegado de Exipto, unha xoia que pertencía á famosa raíña Nefertiti, a gran e moi amada esposa do faraón Akhenatón. O que non saben é que unha maldición milenaria castigará coa morte a todo aquel que ouse turbar o repouso do faraón.