O teatro volve este sábado a Castro de Rei cun espectáculo do Centiño
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega en outubro obras de teatro a diferentes puntos da provincia co Ciclo de Teatro Profesional impulsado pola área de Cultura que botou a andar o pasado mes de xuño e que este ano inclúe 59 representacións de 14 compañías por toda a provincia.
Así, este sábado, 5 de outubro, ás 21.00 horas, no teleclub de Castro de Rei, O Centiño de San Martiño de Foz porá en escena o seu espectáculo A morte morrida.
Nesta obra abordan o tema da xubilación e da morte conxuntamente, para crear unha mestura que podería semellar macabra, pero que remata sendo divertida. Crispín vén de xubilarse no banco e está deprimido. Non soporta a inactividade da súa nova forma de vida e cre adiviñar que así, sen estímulo para vivir, a morte virá buscalo axiña. Faille a vida imposible a Benilde, a súa muller. Menos mal que o seu amigo Reigosa tenta animalo para recuperar o ánimo.