O Tecor Terra Chá realizou as soltas de 10.000 perdices previstas para a tempada 2026

O Societario de Cazadores Terra Chá continuou durante o mes de agosto coa execución do calendario de soltas de perdiz correspondente á tempada cinexética 2026, nunha actuación orientada á mellora do hábitat, á recuperación das poboacións de caza menor e á xestión responsable do recurso cinexético.
En total, o plan contemplaba a liberación de 10.000 perdices. Delas, 9.600 foron distribuídas polas diferentes zonas cazables do Tecor, mentres que outras 400 xa foran soltadas durante o mes de xullo e destinadas a vedados e zonas de adestramento.
As primeiras soltas desenvolvéronse o venres 7 de agosto, con saída ás 8.00 horas desde o recinto Manuel Vila de Muimenta. Nesa xornada as perdices distribuíronse polas parroquias de Goberno, Balmonte, Viladonga, Ansemar, Ludrio, Mondriz, Loentia, Bendia, Ribeira de Lea-Castrillón, San Julián e Triabá.
O sábado 8 de agosto realizouse unha nova xornada de soltas, tamén con saída ás 8.00 horas desde o recinto Manuel Vila de Muimenta. As zonas incluídas foron Outeiro, Pacios, Bazar, Prevesos, Ramil, Azúmara, Castro de Rei, Santa Locaia e Quintela-Coea.
A terceira xornada tivo lugar o domingo 9 de agosto, con saída desde a gasolineira da Pastoriza. Nesa ocasión as actuacións chegaron ás parroquias de Pousada, Crecente, Fonmiñá, San Cosme, Aguarda, Gueimonde, Revolta, Álvare, Bretoña.
O calendario continuou os días 14, 15 e 16 de agosto. O venres 14 as soltas partiron novamente da gasolineira de Pastoriza e incluíron Pastoriza, Saldanxe, Regueira, Corbelle, Xemil, Portela, Cadavedo, Úbeda, Vián, Loboso e Lagoa.
O sábado 15 de agosto, con saída desde o campo de fútbol de Cospeito, as perdices foron distribuídas por Támoga, Pino, Seixas, Vilapene, Sistallo e Muimenta. Finalmente, o domingo 16 de agosto, a mesma zona de saída serviu para completar as actuacións previstas en Santa Cristina, Cospeito, Xermar, Roás, Momán-Lamas, Bexán e Xustás.
Estas actuacións formaron parte do plan anual de mellora da caza menor desenvolvido polo Tecor Terra Chá, que tamén incluíu o mantemento de vedados e zonas de descanso, actuacións de mellora do hábitat para o coello, como a creación de tobeiras e desbroces, así como o control de depredadores e actividades de concienciación e formación.
Desde o Societario de Cazadores Terra Chá agradeceuse a colaboración dos socios e voluntarios que participaron na organización das diferentes xornadas de solta e destacou a importancia de respectar os horarios, as zonas establecidas e as normas de seguridade vinculadas a estas actuacións.