O Tecor Terra Chá reúne esta fin de semana en Cospeito a mozos cazadores de Galicia e España

TerraChaXa
O sábado terá lugar unha batida de xabaril, con saída pola mañá, mentres que o domingo será a quenda dunha batida de corzo
programa-xornadas-de-caza-cospeito
16 Sep 2026

O Tecor Terra Chá converterase esta fin de semana nun punto de encontro para a mocidade afeccionada á caza coa celebración, os días 18, 19 e 20 de setembro, dunhas xornadas cinexéticas organizadas por Xuventudes pola Caza, coa colaboración da Federación Galega de Caza e de distintas entidades.

A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Cospeito, busca reunir durante tres días participantes chegados de diferentes puntos de Galicia e España para compartir experiencias e compañeirismo e participar en dúas xornadas de caza maior.

O programa comezará o venres 18 de setembro coa recepción dos participantes e unha cea en Cospeito, ademais do aloxamento previsto para os asistentes. O sábado terá lugar unha batida de xabaril, con saída pola mañá, mentres que o domingo será a quenda dunha batida de corzo.

Desde o Tecor Terra Chá destacan a resposta recibida á convocatoria, xa que as prazas quedaron practicamente cubertas poucos días despois do anuncio. A organización salienta o interese da mocidade pola caza responsable, a convivencia e o coñecemento do medio natural.

As xornadas están dirixidas a cazadores federados menores de 31 anos e inclúen aloxamento e comidas durante o encontro. A organización agradeceu tamén a participación dos inscritos e a colaboración das empresas, entidades e persoas voluntarias que fan posible a celebración desta iniciativa.

0.86276483535767