O temporal deixa máis de 90 incidencias en Galicia, con inundacións, cortes de estradas e afectacións no transporte

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | RibeiraSacraXa
As tormentas deixaron tamén unha intensa actividade eléctrica en Galicia, con máis de 2.500 raios rexistrados
inundacions-galicia
Foto de Pablo Pataco
7 Oct 2026

A alerta laranxa por chuvias activada este martes no interior da Coruña, no centro e na montaña de Lugo e en zonas de Pontevedra deixou máis de 90 incidencias en Galicia, principalmente relacionadas coa circulación por estrada. O episodio meteorolóxico adverso tamén provocou problemas no tráfico ferroviario, o peche de parques en Vigo e cambios na programación das festas do San Froilán de Lugo.

O 112 Galicia contabilizou un total de 90 incidencias relacionadas co temporal. Pontevedra foi a provincia máis afectada, con 35 casos, seguida da Coruña, con 22. Lugo rexistrou 20 incidencias e Ourense, 12.

As tormentas deixaron tamén unha intensa actividade eléctrica en Galicia, con máis de 2.500 raios rexistrados e no que respecta ás precipitacións, as maiores acumulacións rexistráronse en municipios da provincia de Pontevedra. Cangas encabezou o rexistro, con 37,6 litros por metro cadrado, seguido de Forcarei, con 36,5 l/m², e Oia, con 34,9 l/m².

Por outra banda, a Comisión Escolar de Alertas acordou suspender as actividades no exterior nos centros educativos e escolas infantís das zonas do interior da Coruña e do centro e a montaña de Lugo. A medida afectou un total de 74 concellos.

Entre os municipios con máis actuacións destaca Foz, en Lugo, con dez incidencias xestionadas polos servizos de emerxencias. Santiago de Compostela e Vigo rexistraron cinco casos cada un.

As intervencións máis frecuentes estiveron relacionadas con problemas de circulación nas estradas, debido á presenza de obxectos na calzada, caída de árbores, desprendementos de terra e acumulacións de auga.

AS INCIDENCIAS

Entre os incidentes máis destacados, en Xermade (Lugo), a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa provocou que varias persoas sentisen os efectos da descarga eléctrica. Unha delas tivo que ser trasladada polo 061 ao HULA.

Tamén na provincia de Lugo, un raio caeu sobre un transformador situado nas proximidades dunha vivenda en Brigos, en Chantada. Varios cables comezaron a arder e a instalación do inmoble encheuse de fume.

En Foz, un desprendemento de terra e pedras na estrada LU-151, entre os quilómetros 1 e 2, ao seu paso por Faxouro, obrigou a interromper completamente a circulación, xa que os restos ocupaban os dous carrís da vía.

En Pontevedra, o temporal provocou diversas inundacións en Sanxenxo. Unha delas produciuse no cruzamento entre Vidal Rocha e o paseo de Silgar e obrigou a cortar durante uns 20 minutos o acceso ata que baixou o nivel da auga. O Concello tamén informou da caída de muros e palmeiras, dunha fenda na estrada PO-308, á altura do Miradoiro da Granxa, e de varias arquetas de auga levantadas na rúa Madrid. No Rosal, a caída dun raio provocou un incendio nun convento da rúa Fornelo.

En Ourense, as fortes chuvias provocaron inundacións en diferentes puntos da comarca de Valdeorras. En O Barco de Valdeorras e Vilamartín, varios regatos desbordáronse e arrastraron troncos e pólas de árbores, mentres o lodo se acumulaba nalgunhas vías.

O temporal tamén afectou o tráfico ferroviario. As incidencias na sinalización da liña entre Santiago e Ourense provocaron atrasos nos servizos ferroviarios deste martes.

En Vigo, o Concello pechou ao público os parques de Samil, Castrelos, O Castro, A Guía, Praza de Compostela e A Riouxa, así como o paseo do Lagares e en Lugo, modificouse a programación das festas do San Froilán ante as previsións meteorolóxicas.

0.14463496208191