O tenis e o pádel ofrecen os primeiros resultados das festas de San Ramón e Santa María de Vilalba

TerraChaXa
No primeiro caso, o torneo reuniu nas pistas de A Magdalena máis de medio cento de participantes repartidos polas diferentes categorías e no segundo a 166
torneo-tenis-vilalba
25 Aug 2026

Vilalba comeza a respirar ambiente festivo coa celebración de dúas citas deportivas xa clásicas no calendario de San Ramón e Santa María: o Torneo San Ramón de tenis, organizado polo Club de Tenis Vilalbés, e o Torneo de Pádel San Ramón e Santa María, promovido polo Club de Pádel Vilalba coa colaboración do Concello.

No caso do tenis, o torneo reuniu nas pistas de A Magdalena máis de medio cento de participantes repartidos polas diferentes categorías. Enrique García, do CT Universidad Europea de Madrid, foi un dos grandes protagonistas ao sumar un novo título ao seu palmarés na competición absoluta, tras impoñerse por 6-2 e 6-2 a Darío Vila, do CT Coruña. En +35 masculino, o triunfo foi para Félix Alonso, do Casino de Ferrol, que se impuxo a Gustavo Castro, do Marina­da.

A competición tamén deixou resultados destacados nas categorías inferiores. En benxamíns, Roi Eiriz, das Termas, venceu a David Mateo, do CT Coruña, mentres que en alevíns Guillermo Otero, tamén do CT Coruña, superou a Anxo Eiriz, do CT Foz. Na modalidade de dobres, Héctor e Lucas, do club Justo al Revés, proclamáronse campións fronte a Adela e Hugo, da Universidade Europea e do club local.

A entrega dos trofeos contou coa presenza da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e da concelleira de Deportes, Paula Vigo, así como do presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosqueira, e de representantes dos clubs participantes.

Pola súa banda, o pádel tamén tivo un papel destacado nas actividades deportivas previas ás festas. O VII Torneo de Pádel San Ramón e Santa María disputouse nas instalacións do centro deportivo Indoor Vilalba, no polígono Sete Pontes, desde o día 17 ata o sábado 22, cun total de 166 inscritos distribuídos en máis dunha ducia de categorías.

Na primeira categoría masculina, a parella formada por Mateo Sufuentes e Fernando Carballés foi a vencedora, mentres que na segunda categoría o triunfo correspondeu ao propio Sufuentes e Manuel Álvaro. Patricia Vázquez e Laura Fernández impuxéronse na segunda feminina, mentres que esta última tamén repetiu título na segunda mixta xunto a René Fraga.

En terceira masculina gañaron Héctor Permuy e David Penas, mentres que na cuarta categoría masculina o triunfo foi para Rubén Bouza e Alberto MIllarengo. A entrega de premios celebrouse o sábado pola noite e coincidiu coa tradicional churrascada, que serviu para pechar esta edición do torneo de pádel.

 

0.15057802200317