O trío Detrés actuará este sábado en Friol

O Concello de Friol acollerá este sábado 22 a actuación do Trío Detrés, unha proposta que combina música, humor e improvisación e que está pensada para desfrutar en familia. O espectáculo terá lugar no Parque Rosalía de Castro a partir das 19.00 horas, con entrada libre para todos os públicos.
Baixo o título Máis Ritmo, o Trío Detrés ofrecerá un espectáculo no que a música será a gran protagonista, con temas propios, versións de cancións populares e divertidos arranxos. Todo isto combinarase con situacións cargadas de humor, improvisación e solucións disparatadas que buscan sorprender e entreter ao público.
A proposta está dirixida tanto aos máis pequenos como aos maiores, polo que desde o Concello animan á veciñanza a achegarse ao Parque Rosalía de Castro para desfrutar dunha tarde diferente, con música, humor e moito ritmo.