O TSXG anula a concesión da licencia da Xunta á ampliación da mina de San Acisclo de Muras

TerraChaXa
A sentenza di que a autorización da Xunta ignora as anomalías que xa constaban sen someter o proxecto á preceptiva avaliación ambiental
protesta-mina-san-acisclo-muras
19 sep 2024

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de anular a concesión emitida pola Xunta da Galiza para autorizar o desenvolvemento da mina de feldespato de San Acisclo, no municipio de Muras, aceptando deste xeito o recurso contencioso-administrativo interposto por parte do Concello.

Este recurso veu dar voz ás múltiples protestas cidadás que se fixeron cando se coñeceu o permiso da Xunta para a explotación.

O TSXG recolle na sentenza que decide "estimar o recurso interposto polo representante do Concello de Muras contra a resolución do director xeral de Planificación Estratéxica e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Economía, Industria e Innovación do 19 de decembro de 2022, ditada por delegación do seu titular, que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación de recursos da Sección C da mina Ampliación a San Acisclo, instado pola sociedade mercantil Materiales Cerámicos Materias Primas SL, que anulamos".

Recolle tamén a sentenza a historia desta mina. A primeira concesión de explotación de feldespato na contorna, emitida no franquismo pola Dirección Xeral de Minas do Ministerio español de Industria, data do 24 de abril de 1969. Posteriormente, en 2007, foi transmitida a Materiales Cerámicos SL, e en 2019, a Materiales Cerámicos e Materias Primas SL, firma que solicitou o 2 de setembro de 2020 a aprobación do proxecto de explotación e do plan de restauración desa concesión aprobada polo Goberno galego.

O Concello de Muras presentou denuncia contra esa concesión baseándose en tres motivos,  que o proxecto tiña que someterse á previa avaliación ambiental estratéxica ordinaria, dados os impactos medioambientais da mina, a superficie da explotación e súa visibilidade, sen que se puidese acoller á excepción pola continuidade na actividade mineira, ao non executarse nin total nin parcialmente. O segundo, porque a concesión caducara ao levar máis de 15 anos sen actividade. Como terceiro punto alegaba que existían graves impactos de tipo ambiental e patrimonial.

Neste sentido, resolve a sentenza, a autorización emitida pola Xunta en 2022 "non só ignorou todas as anomalías que xa constaban -merecedoras da paralización dese procedemento para incoar un de caducidade-, senón que tampouco someteu o proxecto á preceptiva avaliación ambiental estratéxica ordinaria".

A resolución non é firme e contra ela pódese presentar un recurso.

0.13082408905029