O vestido de voda de Antía Cal regresa a Muras 79 anos despois do seu enlace

TerraChaXa
A mostra poderá visitarse durante tres xornadas consecutivas nas Aguias a fin de semana e o luns
vestido-de-voda-antia-cal
26 Jun 2026

O legado de Antón Beiras e Antía Cal volverá ser protagonista en Muras cunha exposición especial que permitirá contemplar pezas e recordos vinculados á parella cando se cumpren 79 anos da súa voda. A mostra, titulada O meu vestido volve a Muras, celebrarase os días 27, 28 e 29 de xuño nas Aguias de Muras.

A iniciativa recupera a historia do casamento de Antón Beiras e Antía Cal, celebrado en Muras o 29 de xuño de 1947. Entre os elementos máis destacados figura o vestido de voda de Antía Cal, confeccionado a man en satén duchese por unha costureira das Aguias que era xorda, unha peza que regresa ao lugar onde foi creada e utilizada hai case oito décadas.

A exposición reunirá tamén fotografías realizadas por Ksado, considerado un dos grandes fotógrafos da súa época, así como diversos obxectos persoais que axudan a reconstruír a historia de amor da parella e os seus primeiros anos de vida en común.

Entre as pezas que poderán verse figura igualmente un vestido de primeira comuñón con preto dun século de antigüidade e a máquina de coser do Mesón das Aguias, na que se confeccionou boa parte da roupa da época. Todos estes elementos contribúen a recrear a memoria dunha xeración e a poñer en valor o patrimonio material e sentimental conservado pola familia.

A mostra poderá visitarse durante tres xornadas consecutivas nas Aguias de Muras, converténdose nunha oportunidade única para coñecer de preto a historia de Antía Cal e Antón Beiras a través de documentos, fotografías e pezas cargadas de significado.

0.12129783630371