O VI Magosto Cal da Loba celebrarase o 24 de outubro nunha xornada de tradición, gastronomía e música


Caldaloba será o marco para celebrar o vindeiro sábado 24 de outubro o VI Magosto Cal da Loba, cun programa que combinará actividades culturais, representación teatral, gastronomía, xogos e música ao longo de toda a xornada.
Os actos comezarán ás 10.30 horas cunha andaina ao castelo. As persoas que acudan con vestimenta da época, ademais de recibir o título de Constanza de Caldaloba, optarán a un premio especial. No propio castelo terá lugar tamén unha representación teatral.
Ás 13.00 horas, o programa trasladarase ao local social, onde se realizará o saúdo da Asociación Recreativa Cultural de San Martiño de Pino, seguido do pregón, a cargo de Elena Ferro. Durante este acto tamén se fará entrega do título honorífico a Isabel Carracedo Lozano, haberá verbas históricas a cargo de Suso Pena e presentarase o VI Certame de Caligramas Constanza de Castro.
Ás 14.00 horas celebrarase o xantar medieval, que incluirá callos, carne asada con patacas fritas, sobremesa e magosto. O prezo será de 30 euros para os socios, 35 euros para os non socios e 15 euros para os nenos e nenas de 7 a 12 anos, mentres que os menores de 7 anos terán entrada gratuíta. Tamén se ofrece a posibilidade de participar unicamente no magosto nocturno, cun prezo de 8 euros por persoa, que incluirá castañas, empanada e viño. As inscricións estarán abertas ata o 18 de outubro.
Durante a tarde desenvolveranse diferentes actividades, entre elas unha demostración de cestería a cargo de Beatriz Valín López, o xogo infantil En busca do tesouro de Caldaloba e xogos populares para todos os públicos. A programación completarase coa música de As lendas de Caldaloba, de Xesús Álvarez coas Pandeireteiras de Caldaloba, acompañadas polos músicos da organización.
A celebración está organizada con diferentes entidades colaboradoras e pretende recuperar e poñer en valor a historia, a tradición e o patrimonio vinculado a Caldaloba a través dunha xornada aberta á participación veciñal.