O VI Torneo de Pádel de Verán de Begonte arranca este venres con 20 parellas

O Concello de Begonte ten todo preparado para a sexta edición do Torneo de Pádel de Verán, unha cita deportiva que comezará mañá, 28 de agosto, nas pistas municipais e que se desenvolverá ata o domingo 30. Nesta edición participarán un total de 20 parellas.
A competición manterá a categoría libre, polo que as parellas poderán ser masculinas, femininas ou mixtas. A organización establecera inicialmente un límite de 32 parellas, que serían admitidas por orde de inscrición, aínda que finalmente serán 20 as parellas que disputarán o torneo.
Durante as xornadas de competición, as persoas participantes contarán cun seguro de accidentes e recibirán un ‘welcome pack’ de agasallo. O torneo repartirá premios entre as dúas primeiras parellas clasificadas do cadro de honra e tamén entre as dúas mellores do cadro de consolación, con material deportivo como recompensa.
O torneo, xa consolidado dentro da programación deportiva do verán en Begonte, volverá reunir nas pistas municipais afeccionados ao pádel do propio municipio e doutras localidades da contorna.