O vicealcalde de Vilalba convoca unha reunión para este venres

O vicealcalde e responsable da área de Infraestruturas Rurais de Vilalba, Modesto Renda, convocou á veciñanza da parroquia de Vilapedre a un encontro público que terá lugar este venres 23, ás 20.30 horas na Casa da Escola.
A iniciativa enmárcase dentro do proxecto O vicealcalde nas parroquias, co que o goberno local busca achegar a xestión municipal aos distintos puntos do municipio. Durante a reunión, o concelleiro explicará e contrastará cos veciños as vindeiras actuacións que o Concello ten previstas desenvolver na parroquia.
Así mesmo, a cita servirá como un espazo aberto para recoller directamente as demandas, propostas e suxestións da veciñanza de Vilapedre en materia de infraestruturas e servizos rurais, co obxectivo de reforzar o diálogo continuo e a gobernanza participativa.
Desde a Vicealcaldía fan un chamamento á participación de todos os veciños e veciñas da localidade para que se acheguen este venres á Escola e poidan trasmitir en persoa as súas necesidades.