O Vilalba FS inicia este sábado os play off de ascenso á Segunda División nacional

O Grupo Forma-t Vilalba FS ten este sábado 10 de maio unha cita histórica. O equipo chairego recibirá no Pavillón Municipal de Vilalba, ás 20:00 horas, ao Caja Rural Atlético Benavente FS no partido de ida da primeira eliminatoria do play off de ascenso á Segunda División RFEF.
O enfrontamento, que mide ao segundo e ao terceiro clasificados do Grupo I da Segunda División B RFEF, preséntase moi equilibrado, á vista dos precedentes desta tempada. No duelo da primeira volta disputado en Vilalba, ambos conxuntos protagonizaron un vibrante empate a oito goles, mentres que no segundo choque, celebrado en Benavente, os vilalbeses conseguiron a vitoria por un axustado 3-4.
Para os xogadores dirixidos por Kini, esta eliminatoria supón a súa primeira participación nun play off de ascenso á categoría de prata do fútbol sala nacional, culminando unha tempada excelente na que quedaron a só un punto do liderado. Este soño de ascenso devolvería ao club o espírito daqueles históricos anos do Hotel Villamartín F.S.
O Atlético Benavente, pola súa banda, busca o retorno á Segunda División apenas dúas tempadas despois de perdela.
Independentemente do resultado da eliminatoria, o equipo chairego xa fixo historia esta campaña ao asegurarse por primeira vez a súa clasificación para a vindeira edición da Copa do Rei, grazas ao seu posto entre os catro primeiros da categoría.