O Virxe do Corpiño implementa na biblioteca un Polo Creativo
A Consellería de Educación vén de seleccionar ao CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño para a implementación do programa de innovación educativa Polos Creativos.
O Polo Creativo actual, anexo á biblioteca da escola, conta xa cun deseño modular e innovador despois da inversión realizada no pasado curso. Grazas ó programa, complementarase dotando o espazo dun importante equipamento especializado.
Enfocarase á aprendizaxe conxunta, colaborativa e comunitaria. Tamén poderá albergar prácticas de investigación e experimentación. Terá unha visión ampla e integral do coñecemento e dos retos tecnolóxicos e dixitais en todos os campos do saber (humanidades, arte, ciencias sociais e naturais, artesanía…).
Funcionará como centro de actividades no que se traballe a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual e a impresión 3D, as tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, o mecanizado de diferentes materiais, a electromecánica, a robótica e os microcontroladores, entre outras.
Será, ademais, un espazo aberto á comunidade local de Begonte para favorecer o desenvolvemento de competencias dixitais e científico-tecnolóxicas e artísticas do conxunto da cidadanía, polo que dende o centro se ofertarán actividades formativas para os diversos colectivos. En concreto, facilitará a solución conxunta de problemas coa participación de alumnado, profesorado e familias, e fomentará especialmente aquelas accións que impliquen a participación de nais e pais xunto cos seus fillos e fillas en actividades tanto de formación como de creación.
Esta actuación enmarcase tamén dentro da liña de impulso da educación no Concello de Begonte, dotando de infraestructuras de primeiro nivel ó noso renovado centro educativo.