O Virxe do Corpiño propón un plan de vida saudable dentro do plan Proxecta

TerraChaXa
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade selecciona ao CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño para participar no Plan Proxecta +
campus veran ximnasia ritmica viveiro 2021 1
14 Nov 2022

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade selecciona ao CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño para participar no Plan Proxecta +, na modalidade de Proxectos de Vida Activa e Deportiva.

Consiste en deseñar, executar e avaliar un proxecto relacionado cos hábitos de vida activa e saudable, buscando o incremento diario de actividade física que realiza o alumnado, tanto dentro como fóra do centro, e a medición do impacto que ten este incremento da carga de actividade física realizada na saúde dos nosos escolares.

A intención é abordar deste xeito a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade a través do incremento, dentro e fóra do horario lectivo, da carga real de actividade física que realiza o alumnado.

Os obxectivos que se propoñen comezarían por unha valaración da condición física para a saúde do alumnado a través das probas e dos test propostos. Tamén búscase fomentar a actividade física a través de actividades con música e movemento, traballar, en base aos resultados obtidos, na mellora da condición física saudable, tanto de forma individual, como global (clase, centro educativo), do noso alumnado; fomentar os xogos tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia así como aqueles que aínda non sendo de orixe galega, foron e son popularmente utilizados na nosa sociedade e traballar de forma transversal os contidos de actividade física diaria e hábitos saudables (alimentación, hixiene, condutas nocivas -alcol, tabaco, sedentarismo asociado a pantallas…).

INGLÉS

Por outra banda, o centro tamén foi seleccionado para participar co alumnado de sexto de primaria no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa, Spring Week.

O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.

Durante a estadía, que se levará a cabo do 4 ao 10 de xuño de 2023, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e virarán ao redor de temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

0.22538018226624