O Volante Deputación celebrará a súa décimo quinta edición en Pastoriza os días 30 e 31 de maio

TerraChaXa
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 14 de maio ás 9.30 horas e permanecerá activo ata o 28 de maio ás 12.00 horas
volante-deputacion-presentacion
12 May 2026

A Deputación de Lugo impulsará unha nova edición do Volante Deputación, a proba de condución deportiva dirixida a pilotos noveis da provincia que se celebrará os días 30 e 31 de maio no circuíto de Pastoriza.

O vicepresidente provincial, Efrén Castro, presentou esta mañá a iniciativa xunto ao responsable de PTC Escuela, destacando a consolidación dunha cita que alcanza este ano a súa décimo quinta edición convertida xa nun referente para a promoción de novos talentos do automobilismo lucense.

O programa mantén o formato das convocatorias anteriores, combinando unha parte formativa cunha fase competitiva. As persoas participantes recibirán un curso de condución deportiva antes de afrontar unha proba cronometrada da que sairá a persoa gañadora. Como premio, obterá a participación gratuíta no Rally San Froilán 2026 como piloto titular dentro da estrutura do equipo PTC.

Durante a presentación, Efrén Castro destacou o éxito de participación acadado ao longo destes quince anos e subliñou que moitos dos pilotos que pasaron polo Volante Deputación continuaron posteriormente competindo en rallys galegos e estatais, consolidando esta iniciativa como unha auténtica canteira do automobilismo provincial.

O vicepresidente lembrou ademais que esta proba forma parte do apoio que a Vicepresidencia da Deputación presta ao deporte do motor, ao que se suma unha liña anual de axudas para pilotos de rally dotada con 45.000 euros, así como o patrocinio de distintas competicións automobilísticas que se desenvolven nas comarcas lucenses.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 14 de maio ás 9.30 horas e permanecerá activo ata o 28 de maio ás 12.00 horas. As solicitudes deberán remitirse por correo electrónico unha vez cuberto o formulario dispoñible na web de PTC Escuela. A organización ofertará un máximo de 160 prazas, que se asignarán por orde de recepción da documentación requirida.

Para participar será necesario ter entre 18 e 35 anos, estar empadroado nalgún concello da provincia de Lugo antes da apertura do prazo de inscrición e cumprir unha serie de requisitos relacionados coa experiencia previa en competicións automobilísticas. Ademais, as persoas aspirantes deberán dispoñer do permiso de conducir correspondente e cumprir as condicións establecidas pola Federación Galega de Automobilismo para obter a licenza de piloto.

0.12260508537292