O Volante Deputación organiza a súa décimo quinta edición en Pastoriza esta fin de semana

A Deputación de Lugo impulsará unha nova edición do Volante Deputación, a proba de condución deportiva dirixida a pilotos noveis da provincia que se celebrará esta fin de semana no circuíto de Pastoriza.
O programa mantén o formato das convocatorias anteriores, combinando unha parte formativa cunha fase competitiva. As persoas participantes recibirán un curso de condución deportiva antes de afrontar unha proba cronometrada da que sairá a persoa gañadora. Como premio, obterá a participación gratuíta no Rally San Froilán 2026 como piloto titular dentro da estrutura do equipo PTC.
Durante a presentación, Efrén Castro destacou o éxito de participación acadado ao longo destes quince anos e subliñou que moitos dos pilotos que pasaron polo Volante Deputación continuaron posteriormente competindo en rallys galegos e estatais, consolidando esta iniciativa como unha auténtica canteira do automobilismo provincial.
O vicepresidente lembrou ademais que esta proba forma parte do apoio que a Vicepresidencia da Deputación presta ao deporte do motor, ao que se suma unha liña anual de axudas para pilotos de rally dotada con 45.000 euros, así como o patrocinio de distintas competicións automobilísticas que se desenvolven nas comarcas lucenses.
Para participar será necesario ter entre 18 e 35 anos, estar empadroado nalgún concello da provincia de Lugo e cumprir unha serie de requisitos relacionados coa experiencia previa en competicións automobilísticas. Ademais, as persoas aspirantes deberán dispoñer do permiso de conducir correspondente e cumprir as condicións establecidas pola Federación Galega de Automobilismo para obter a licenza de piloto.