O X Campus RCV reunirá en Vilalba a nenos e nenas arredor do fútbol do 22 ao 27 de xuño

O Estadio Roca de Vilalba acolleu este sábado a presentación da décima edición do Campus de Tecnificación de Fútbol do Rácing Club Vilalbés, unha iniciativa xa consolidada no calendario deportivo local e que volverá reunir a numerosos rapaces e rapazas nunha semana dedicada ao deporte, á formación e á convivencia.
No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Deportes, Paula Vigo, que quixeron amosar o seu apoio a unha actividade que alcanza este ano a súa décima edición. O campus estará apadriñado polo futbolista Diego Villares e desenvolverase entre os días 22 e 27 de xuño nas instalacións do Estadio Roca.
A programación desenvolverase en horario de 9.30 a 14.30 horas e incluirá tamén unha excursión con pernocta prevista para a xornada do xoves, ampliando así a oferta de actividades para os participantes.
A iniciativa está dirixida a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2022 e combinará adestramentos e actividades relacionadas co fútbol con propostas orientadas á aprendizaxe, á convivencia e ao lecer. Deste xeito, o campus busca fomentar hábitos saudables e valores deportivos entre os máis novos nun ambiente lúdico e educativo.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de xuño e as prazas son limitadas. Desde o Concello destacaron a importancia dunha proposta que, tras dez anos de traxectoria, se converteu nun referente para a promoción do deporte base no municipio.
Tanto Marta Rouco como Paula Vigo felicitaron ao Campus RCV e ao Racing Club Vilalbés por acadar esta décima edición e por continuar ofrecendo oportunidades para que os máis pequenos e pequenas sigan practicando deporte e desfrutando do fútbol en Vilalba.