O Xamoneiro e a Trapeira de Vilalba
Por Raúl Río
Manuel Trinidad, mais coñecido como O Xamoneiro de Vilalba, naceu polo 1917 na parroquia dos Vilares de Díaz Castro, na casa do Rei da aldea da Tiñaz e xa desde moi novo empezou no negocio dos trapos, coma moitos mais veciños da súa parroquia. Era irmán de Serafín do Rei (O Rei das perdices), canteiro e poceiro, que manexaba a dinamita con moita arte e delicadeza, pero disto xa falaremos noutra ocasión.
Contan que vindo unha vez de xunto dunha moza que tivo na Pena Redonda de Belesar, ao lado da capela do Ánxel, e coma nos contos de Ánxel Fole, unha noite seica o seguiu o lobo até o lugar da Mouteira, onde se refuxiou subíndose ás escaleiras do hórreo e alí o atoparon os veciños daquela casa ó día seguinte pola maña, aterecido de frío e case sen fala. Aínda así seguiu indo a onde ela outra tempada, pero ao final casou coa súa veciña Paquita Sánchez, irmán de Xacobe, hoxe un dos mellores anticuarios de Galiza e do Estado.
Paquita naceu na casa de Guinea das Reixas no ano 1920 e cando tiña tres anos seus pais emigraron á Arxentina, pero ela quedou alí con seus avós maternos ata que volveron dez anos despois. Logo fóronse a vivir á Casa da Esquina de Guitiriz, onde tiñan taberna e de onde tiveron que fuxir para a casa que fixeron nos Vilares por vinganza dos falanxistas que ían a comer e beber alí, pero non pagaban porque non lle perdoaban a seu pai que fora concelleiro durante República.
Nesta parroquia sempre houbo xente emprendedora que se votou polo mundo a facer negocio coas cousas mais ínfimas e de pouco valor, como son os trapos vellos. Das mais de catrocentas casas que había na parroquia contaríanse cos dedos das mans as que non contaran con un trapeiro e incluso nalgunha había ata tres ou catro. Lembro que sendo neno, pola festa da Pascua ían os músicos da orquestra tocar á misa e un dos músicos ollou que na fachada do campanario había un San Miguel de pedra con unha balanza na man e díxolle aos seus compañeiros: Manda carallo! Aquí ata os santos teñen romana.
Ninguén mellor que os trapeiros, soubo darlle valor a esa mercancía e sacarlle un diñeiro tan necesario para, naqueles tempos de autarquía, poder mercar o que non se producía na casa. Non era un problema de ser dunha casa rica ou probe, pois, ao non haber outro modo de facer cartos, tamén os mais ricos saían polo mundo a ese negocio.
Como dixemos, Manuel empezou nese oficio e ía mercar trapos polas casas ou trocándoos por navallas, agullas, dedais, espellos, barallas, coitelas de afeitar e outras cousas de escaso valor, como facían todos os trapeiros, pero despois, cando casou con Paquita, a mediados dos anos corenta do século pasado, trasladáronse a Vilalba e mercaron un almacén na rúa Campo de San Xoán, no que gardaban a mercancía que lles mercaban a outros trapeiros, aos que tamén lles prestaban cartos que logo lles descontaban na mercancía, converténdose así en intermediarios entre os trapeiros e as empresas que os procesaban; pero ao mesmo tempo, e ao irse acabando o negocio dos trapos, empezaron a mercar tamén xamóns, lacóns, touciño, untos, unllas, chourizos e outras partes do porco que os veciños das aldeas tiñan que vender para facer un diñeiro co que cubrir outros gastos da casa, polo que eran coñecidos en Vilalba e en toda a comarca chairega como O Xamoneiro e a Trapeira de Vilalba.
Ían de feira en feira por toda a comarca da Terra Chá e nunca faltaban ás feiras de Parga e á desaparecida Feira do Sete dos Vilares, chamada así porque se celebraba o día sete de cada mes, feira que desapareceu ao negarse a acudir a ela os tratantes de Vilalba porque cadraba moi cerca no calendario coas dúas feiras de Parga e así aforraban unha viaxe, pero obrigando ós veciños dos Vilares e do arredor a ir ás de Parga si querían vender algún produto. Sempre ían os dous e Paquita era normalmente a que se encargaba de mercar queixos ovos, nabizas, repolos, manteiga e outras cousas que normalmente levaban as mulleres, namentres Manuel facíase cargo de mercar patacas, xamóns e demais pezas do porco, que case sempre eran os homes quen as levaban e os que facían o trato.
Daquela as feiras eran moi importantes para a comunidade labrega, pois era o único sitio onde se podía vender un becerro ou unha vaca, si non se chegaba a un acordo cos tratantes que algunhas veces viñan pola casa, e era o único xeito de vender algúns produtos do agro criados daquela con tanto agarimo, antes de ser producidos de calquera xeito en granxas deshumanizadas e que logo mercamos nas grandes superficies.
Por iso eran tan necesarios O Xamoneiro, A Trapeira de Vilalba e os produtos dos nosos labregos.