O Xeodestino Comarca de Lugo-Terras da Ulloa estreouse en Salimat

TerraChaXa | LugoXa
O Xeodestino Comarca de Lugo-Terras da Ulloa estreouse en Salimat no marco da Feira Internacional Semana Verde de Galicia
XEODESTINO SILLEDA gdr4 ulloa comarca lugo
15 Xuño 2023

O GDR 4 Comarca de Lugo acadou un grande éxito de visitantes nun stand no cal se deu a coñecer o lema do Xeodestino 'Gustus Terrae-O Sabor da Terra', e realizou una serie de degustacións onde se puxeron en valor os diferentes produtos gastronómicos do territorio da Comarca de Lugo e de Terras da Ulloa.

O GDR 4 Comarca de Lugo como xestor do novo xeodestino do interior da provincia lucense denominado Comarca de Lugo-Terras da Ulloa quixo que o Salón de Alimentación do Atlántico –Salimat no marco da Feira Internacional Semana Verde de Galicia fose a posta de largo da súa andaina en busca da promoción turística dos concellos que conforman este territorio e que son Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade.

O ente xestor puxo un stand nunha feira que tivo mais de 120.000 visitantes dende o xoves ata o domingo, e onde dou a coñecer o lema promocional do Xeodestino que é Gustus Terrae- O Sabor da Terra, onde se pretende valorizar a cultura gastronómica da zona, os seus produtos agroalimentarios, e así mesmo asociarse a cultura Romana tan propia das cercanías da Cidade de Lugo, polo cal o lema ten a súa lóxica territorial.

Durante os catro días da Feira no stand do Xeodestino os visitantes puideron descubrir a importancia deste novo destino turístico con recursos de importancia como o Río Ulla, o seu importante patrimonio histórico e natural e os camiños de Santiago, e o tempo degustar en varias sesións diferentes produtos agroalimentarios tanto da Comarca de Lugo como das Terras da Ulloa, como os pementos de Mougán de Guntín, o viño de Monterroso, os queixos de Friol e Palas, ou os embutidos de diferentes concellos pertencentes ao territorio así como pan forneado igualmente nos diferentes concellos, ou os recoñecidos chocolates de Monterroso.

Dende o GDR 4 como ente xestor anunciaron que esta será a primeira das actividades a desenvolver dentro dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, e a través do cal tamén realizarán un vídeo promocional que será presentado no mes de Setembro, uns cursos de sensibilización do sector acerca da existencia do Xeodestino e a elaboración de rutas turísticas en colaboración co coñecido guía Guido Álvarez.

Festa de Interese Turístico Galego do Queixo de Friol e o Pan de Ousá

No marco da mesma Semana Verde pero no pavillón de Festur (Feira das festas de interese turístico) vinculado a Feira do Turismo Turexpo, o Xeodestino en colaboración co Concello de Friol representado pola súa Concelleira de Cultura Mary Buján, presentou a Festa de Interese Turístico Galego do Queixo de Friol e o Pan de Ousá.

Alí, centos de comensais degustaron estes dous produtos típicos do Concello lucense, que sen dubida é un dos grandes atractivos festivos e gastronómicos do novo Xeodestino.

0.1986358165741