O XI Foro RIES clausurou a súa última xornada en Guitiriz co foco posto na sustentabilidade da sanidade
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou, durante o acto de clausura do IX Foro retos internacionais do ecosistema de saúde RIES, que a Xunta se marca como meta acadar unha sanidade pública sostible reducindo o 60% das emisións de CO2 á atmosfera en 2030 e chegando a cero emisións en 2040.
A Estratexia de economía circular do Servizo Galego de Saúde fixa o obxectivo de reducir en máis de 46.500 toneladas anuais as emisións de dióxido de carbono ata 2030, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores.
Gómez Caamaño remarcou que esta folla de ruta que se ten fixado o sistema sanitario público non só beneficiará o medio ambiente, senón que tamén incidirá de maneira significativa na calidade de vida da cidadanía.
Na súa intervención, o conselleiro recoñeceu o labor do Clúster Saúde de Galicia na organización deste foro internacional que, nesta novena edición estivo centrado no impulso da innovación e da sustentabilidade dos sistemas sanitarios.
Os distintos relatores que participaron neste encontro, que se celebrou no día de onte e de hoxe, abordaron a transformación que están a experimentar os sistemas sanitarios e as oportunidades que ofrece a medicina personalizada, a biomedicina, os coidados híbridos ou a economía circular, ámbitos nos que Galicia está facendo unha forte aposta e nos que aspira a ser referente.
O conselleiro referiu, nesta liña, a aposta da Xunta pola oncoloxía de precisión a través da creación do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas ou do futuro Centro de Protonterapia de Galicia, que estará en funcionamento en 2026.