O XIII Convivio da Cultura Galega reuiniu centos de persoas en Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Entre as actuacións destacaron os concertos da cantante Uxía e de varios grupos de música tradicional, que animaron unha foliada que se prolongou durante toda a tarde
convivio-da-cultura-galega
13 Jul 2026

O XIII Convivio da Cultura Galega converteu este sábado Outeiro de Rei nun dos principais puntos de encontro da cultura galega, reunindo centos de participantes nunha edición que acadou a maior asistencia da última década.

A cita, promovida pola Casa Museo Manuel María e pola federación de entidades culturais Galiza Cultura, serviu para reivindicar a defensa e posta en valor da lingua, das tradicións e das expresións culturais propias de Galicia.

A xornada comezou coa actuación da coral Solfa e continuou cunha ofrenda floral ao escritor Manuel María e á súa muller, Saleta Goi. Ao longo do día sucedéronse diferentes actividades culturais e musicais que congregaron un numeroso público.

Entre as actuacións destacaron os concertos da cantante Uxía e de varios grupos de música tradicional, que animaron unha foliada que se prolongou durante toda a tarde. A organización estimou unha asistencia duns 650 participantes durante a xornada.

Un dos temas centrais do encontro foi a necesidade de reforzar a presenza da cultura galega fronte á crecente influencia doutras celebracións e costumes alleos. Durante o convivio tamén se defendeu a recuperación e valorización do patrimonio cultural e literario galego.

As entidades participantes puxeron especial énfase na importancia de preservar a identidade cultural do país e de fomentar o uso da lingua galega nas novas xeracións. Neste sentido, reclamouse tamén a recuperación do texto orixinal do himno galego escrito por Eduardo Pondal.

O encontro serviu ademais para fortalecer a colaboración entre asociacións culturais de toda Galicia. As organizacións integradas en Galiza Cultura mantiveron reunións para coordinar futuras iniciativas e comezar a preparar a próxima edición do Convivio.

A elevada participación e o ambiente festivo confirmaron o éxito dunha cita que se consolida como un dos principais eventos de promoción e defensa da cultura galega.

0.14195799827576