O ximnasio municipal de Abadín abrirá as súas portas o luns

TerraChaXa
Para acceder ás instalacións será necesario dispoñer dunha tarxeta de apertura da porta, que poderá recollerse nas dependencias do Concello
ximnasio-abadin
14 Nov 2026

O ximnasio municipal de Abadín reabrirá as súas portas o luns para que os veciños e veciñas poidan retomar a práctica deportiva e continuar coidando da súa saúde.

Para acceder ás instalacións será necesario dispoñer dunha tarxeta de apertura da porta, que poderá recollerse nas dependencias do Concello. Xunto con ela, facilitaranse as normas de uso e funcionamento do ximnasio, que deberán respectar todas as persoas usuarias.

O acceso ás instalacións estará reservado exclusivamente ás persoas usuarias do Concello de Abadín.

Desde o goberno municipal animan á veciñanza a aproveitar este espazo para practicar deporte e fomentar hábitos de vida saudables. Así mesmo, lembran a importancia de coidar as instalacións e facer un uso responsable delas para garantir o seu bo estado.

O Concello levou a cabo unha reforma integral do ximnasio municipal, unha actuación que incluíu tamén a creación dun novo salón de actos no mesmo edificio co obxectivo de ampliar e mellorar os servizos dispoñibles para a veciñanza.

A intervención dividiu o inmoble en dúas zonas diferenciadas. Aproximadamente tres cuartas partes do espazo destínase a un salón de actos completamente novo, que contará con butacas e sistema de son, pensado para acoller actos culturais, educativos e outras actividades colectivas. O resto do edificio resérvase para o ximnasio.

A actuación contou cun orzamento de 51.144,63 euros, financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader. Ademais das melloras funcionais, o proxecto incluíu a adecuación do espazo con nova carpintería, revestimentos e illamentos, co fin de mellorar o confort e a eficiencia das instalacións.

0.10467505455017