O Xulgado declara nulo o despido dunha traballadora da residencia de maiores de Vilalba

TerraChaXa
A traballadora denunciou irregularidades na Residencia de maiores xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba.
asilo residencia maiores vilalba
29 Nov 2023

A traballadora denunciou irregularidades na Residencia de maiores xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba.

A Xustiza dálle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) -a defensa xudicial da traballadora foi levada pola avogada Tereixa Burgo da asesoría xurídica de CCOO-, Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Feministas da Terra Chá e Asociación Feminista Vilalba e determinou como nulo o despedimento dunha traballadora da Fundación Hospital Asilo de Vilalba, que xestiona a residencia de maiores da capital da Terra Chá. Ademais de esixir a súa inmediata readmisión, a sentenza, emitida polo Xulgado do Social n.º 1 de Lugo, insta á empresa a pagarlle os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento e fixa unha indemnización de 7501 euros «por danos morais».

No ano 2021 o Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) denunciou diante do Consello Galego de Benestar Social as deficiencias na cobertura de persoal de enfermaría. A principios de 2023 faise o propio coa situación das auxiliares, comunicando a Política Social o incumprimento por parte da Residencia Hospital Asilo de cuestións que poñen en perigo a saúde das traballadoras e a calidade do servizo prestado ás persoas usuarias da residencia.

Son tamén as propias auxiliares quen denuncian publicamente e diante do concello de Vilalba o incumprimento das ratios e a excesiva carga de traballo, referenciando exemplos como que “na actualidade hai aproximadamente 157 residentes repartidos en 6 pavillóns. Hai pavillóns nos que hai 30 usuarios e só un traballador en quenda de mañá. Pola tarde estes 157 residentes están atendidos por 7 traballadoras (levantar da sesta, cambio de cueiros, merendas, visitas, atender o telefono, ceas e deitalos)”.

Logo de facerse eco da situación os medios, "a dirección do Asilo en lugar de implementar medidas para corrixir a situación e mellorar as condicións de traballo, toma como única medida despedir a unha das traballadoras que promoveu a denuncia, vulnerando os dereitos básicos dos que nos temos dotado as persoas traballadoras e a cidadanía", explicaron.

No mes de agosto, logo de terse producido o despido, os sindicatos e colectivos feministas denunciaron publicamente o que consideraban un despido por represalias e que atentaba contra dereitos fundamentais, dado que os motivos alegados para o despido eran inexistentes e a comunicación de cese non deixaba lugar a dúbidas. "A traballadora era despedida polo feito de liderar as reivindicacións de dereitos laborais das traballadoras da FHAV en materia de prevención de riscos laborais, de ratios de persoal, de medios materiais, etc", din.

Presentaron a propia carta de despedimento, da que leron que “Durante los últimos tempos se ha venido comprobando por la dirección de la empresa, una oposición permanente al sistema organizativo del trabajo, generando una falta de confianza en las funciones para las que Ud. ha sido contratada”.

"Os feitos poñen de manifesto que a traballadora foi despedida como represalia pola súa actividade reivindicativa e coa finalidade de amedrentar ao resto do colectivo e que así as traballadoras desistan das súas reivindicacións ante os incumprimentos empresariais", explican.

"Consideramos que, como sociedade, non podemos consentir que non se garantan uns servizos sociais de calidade, nin uns coidados axeitados para as nosas persoas maiores. O traballo dos coidados ten que ser un traballo valorado e considerado dos máis importantes para a sociedade. A ideoloxía patriarcal, pola contra, é a colaboración que necesitan as empresas privadas para a explotación das mulleres, que se traduce nun abuso de poder, no caso da FHAV, do seu Patronato e da súa dirección", engaden os sindicalistas.

"Desde os sindicatos e colectivos feministas que levamos adiante esta denuncia congratulámonos por esta sentenza, pois en todo momento defendemos que o despedimento da traballadora era unha represalia pola súa actitude combativa á hora de denunciar as condicións de traballo na residencia", conclúen.

0.1497528553009