Obradoiros, xogos e animación centran o programa de Samaín de Vilalba


O Concello de Vilalba presenta a programación infantil do Samaín 2026, unha proposta organizada desde as áreas de Alcaldía e Infancia e Xuventude que combina narración oral, obradoiros creativos, xogos e animación musical para que as crianzas e as familias poidan desfrutar desta celebración.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destaca a importancia de ofrecer alternativas de lecer pensadas para os máis pequenos e para compartir en familia. “Queremos que o Samaín volva ser unha ocasión para que as os nenos e nenas desfruten e participen, ao tempo que creamos espazos de encontro para as familias. Preparamos unha programación variada, con propostas para diferentes idades e actividades nas que a imaxinación e a diversión serán as protagonistas”.
A programación comezará o xoves 29 de outubro con dúas sesións de contacontos a cargo de Sole Felloza na Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz. Ás 17:00 horas terá lugar “Acender a noite”, dirixida a crianzas de 0 a 4 anos, e ás 18:00 horas será a quenda de “Os pequenos macabros”, para nenos e nenas a partir dos 5 anos. Esta actividade require inscrición previa.
A concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, explica que “a programación está pensada para que os nenos e nenas poidan participar activamente, experimentar, crear e compartir unha tarde diferente. Queremos que haxa propostas para distintos gustos e idades, desde os contacontos ata os obradoiros, os xogos e o espectáculo musical, sen esquecer unha das actividades máis esperadas: o concurso de cabazas”.
A segunda gran cita será o domingo 1 de novembro na Praza da Constitución, onde se desenvolverán actividades durante toda a tarde. De 16:00 a 19:00 horas haberá camas elásticas e un obradoiro de maquillaxe e feridas.
Ademais, entre as 16:00 e as 18:00 horas, as crianzas poderán participar nos obradoiros de decoración de galletas e de creación de diademas terroríficas. Durante a tarde tamén se repartirán castañas para merendar.
Un dos momentos centrais será o concurso de cabazas, cuxa entrega comezará ás 15:30 horas. Haberá dúas categorías: infantil, para menores de 12 anos, e familiar, na que deberá participar polo menos unha persoa menor desa idade. Estableceranse tres premios en cada categoría —primeiro, segundo e terceiro—, todos eles acompañados de agasallo e diploma. A entrega dos premios terá lugar ás 19:00 horas.
A xornada rematará coa actuación de Cantabaila, ás 18:00 horas, un espectáculo infantil de animación musical ambientado no Samaín que incluirá unha pócima fumeante.
Marta Rouco anima as familias a participar nas actividades e a achegarse á programación: “o Samaín é unha oportunidade para encher Vilalba de ambiente, creatividade e ilusión. Agardamos que as familias se sumen ás propostas e que a Praza da Constitución se converta nun punto de encontro para desfrutar xuntos dunha tarde moi especial”.
Desde o Concello lembran que as persoas interesadas en participar nas sesións de contacontos do 29 de outubro deben formalizar a inscrición previa a través do código QR habilitado no cartel da programación ou da nesta ligazón.