Ociofobia

TerraChaXa
Por Lara Real Lema  Vacacións.
Lara Real
14 sep 2018

Por Lara Real Lema 

Vacacións... moitos de nós levamos xa un tempo pensando nos días que faltan para que cheguen, ideando plans, anotando libros que ler, lugares que visitar, cousas que facer... Curiosamente, fronte a esta actitude de felicidade ao descontar días hai xente que sufre de “ociofobia”. Esta palabra foi ideada polo psicólogo español Rafael Santandreu, que indicou que pretendía definir o medo a non ter algo que facer.  A ociofobia está moi relacionada coa síndrome do executivo ou a adicción ao traballo, que se caracteriza principalmente pola incapacidade de desconectar do rol laboral e que incluso pode levar ao esquecemento da vida persoal xa que esta vese absorbida polas preocupacións e quefaceres do traballo.  Aínda que en realidade a “ociofobia” é un deses problemas contemporáneos que comezaron a gañar terreo sen que nos désemos conta, ao parecer, actualmente hai moitas persoas no mundo que comezan a sentir pánico cando ven en fronte dun tempo baleiro. Ou dun tempo que non está planificado. Ou dun no que xa terminaron todo o que tiñan que facer e só poden ver unha longa liña de minutos que non conducen, segundo quen a padece, a ningunha parte.  Pero ¿como é posible que chegásemos a terlle medo ao tempo libre? ¿Algún de nós recorda por exemplo, aos seus avós angustiados por ter un tempo de descanso? Todo parece indicar que este medo a ter tempo libre comezou dende que o aburrimento adquiriu un estado próximo ao de pecado capital. Así quen ten ociofobia tamén sente terror ante a posibilidade de aburrirse. Este sentimento resulta intolerable e xera, literalmente, pánico. “Perder” o tempo, facendo nada, é o peor que pode pasar. As persoas que senten deste xeito desespéranse cando non están a facer algo. “Ven o tempo libre como unha poderosa ameaza. Se puidésemos debuxar o que senten, diríase que é coma se tivesen en fronte seu un enorme burato negro que ameaza con absorbelos cara a un abismo” sinala Santandreu.

Cabe destacar que en moitos casos, estas persoas tamén están fortemente influenciadas polas ideoloxías de eficacia e produtividade. Poñen por encima de todo os logros e as realizacións laborais, incluso antes que a súa felicidade. E quizais o peor é que miden os seus éxitos en termos cuantitativos, non cualitativos. Óeselles falar de cantas tarefas fixeron ou cantos obxectivos cumpriron pero non mencionan nin a calidade real deses logros nin o custe persoal que conlevou acadalos. En realidade todo resúmese en que non debemos permitir sentir que non estamos vivindo cando o traballo cesa, porque en realidade é ao contrario. O que a sabedoría popular recolle na frase de que “hai que traballar para vivir e non vivir para traballar”.

E xa para rematar e por se quedaba algunha dúbida, ¿sabiades que Cervantes escribiu “El Quijote” nos seus intres de descanso por Castela? Nada quedou do seu traballo como recadador de impostos e en cambio o resultado do seu lecer produciu unha obra clave da literatura universal (aínda que non guste a todos).

0.17473697662354