Olalla Rodil acusa á Xunta de non ofrecer recursos aos concellos para atender aos maiores

TerraChaXa
A Parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, mantivo unha xuntanza co alcalde da Pobra do Brollón para coñecer a situación deste concello en relación a atención social das persoas maiores.
olalla
16 sep 2018

A Parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, mantivo unha xuntanza co alcalde da Pobra do Brollón para coñecer a situación deste concello en relación a atención social das persoas maiores. Segundo Rodil “o caso da Pobra do Brollón é espello do que ocorre en moitos municipios do interior de Galiza e o desamparo ao que están sometidos os concellos que se ven obrigados a asumir competencias que non lles son propias por que o goberno do PP na Xunta deixaos totalmente abandonados”.

Xosé Luis Maceda, alcalde da Pobra do Brollón, sinalou que “estamos ao borde do colapso en atención social por que os nosos recursos son limitados, a Xunta mira para outro lado e os problemas medran a medida que a xente maior do noso concello queda soa e desamparada, chegando a verdadeiras situacións límite”. Maceda sinalou que “non temos capacidade para atender máis persoas maiores e dependentes nas súas vivendas e as Residencias do sur de Lugo están saturadas, temos verdadeiras dificultades para poder ingresar a persoas que se atopan en casos extremos”.

Rodil anunciou que “o BNG defenderá que nos orzamentos da Xunta de 2019 se incrementen as partidas para política social e se desenvolva un plan de equipamentos públicos que garanta prazas suficientes nas residencias de maiores”. A Parlamentaria do BNG denunciou que os anuncios do goberno galego “son meras improvisacións como o Bono autonomía unha axuda que apenas chega a 490 euros que non é suficiente para acceder ás residencias, que como sucede nos concellos do sur de Lugo custan máis de 1.200 euros ao mes” e engadiu “esta modalidade imposta polo PP de Bono Autonomía é unha trasferencia encuberta de fondos públicos a empresas privadas”. Rodil lembrou tamén que “en Galiza temos as pensións máis baixas de todo estado”.

A Parlamentaria do BNG cifrou en 1.600 persoas as que están en listas de espera para acceder a residencias públicas e sinalou que “hai máis de 10.000 persoas que teñen recoñecida unha prestación por depedencia pero non a están recibindo”. Esta situación é especialmente grave no interior das provincias de Lugo e Ourense. Outro dos graves problemas son os retrasos na tramitación das valoracións de dependencia tardan, nalgúns caos, até un ano cando a lexislación actual fixa en 9 meses o tempo máximo.

A Pobra de Brollón un exemplo a seguir

A deputada do BNG puxo en valor o traballo que desenvolven desde o Goberno da Pobra do Brollón que, co seu alcalde á cabeza, está a priorizar a atención das necesidades da veciñanza e as políticas sociais pero tamén lembrou que a Xunta non pode descargar nos concellos as súas responsabilidades e lembrou ao Partido Popular na Xunta que teñen que asumir as súas obrigas.

0.22193908691406