Olalla Rodil anuncia en Guitiriz que defenderá ás persoas autónomas si é elexida para o Congreso

TerraChaXa
A candidata do BNG visitou un pequeno comercio e asegurou que "é preciso mellorar a situación laboral das persoas autónomas garantindo medidas que faciliten o emprendemento"
olalla-rodil-visita-comercio-guitiriz
3 Nov 2026

A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Olalla Rodil, visitou un pequeno comercio de alimentación no Concello de Guitiriz, onde destacou a importancia de que o Estado "facilite o emprendemento con políticas pensadas para as persoas autónomas de Galiza, mellorando as condicións deste colectivo".

A candidata do BNG defendeu a necesidade de dar resposta ás dificultades que supón a posta en marcha e o mantemento dun pequeno negocio, con medidas adaptadas á realidade económica e territorial do País e que permitan desenvolver a súa actividade en condicións dignas. Rodil puxo o foco na mellora "das condicións de vida no medio rural, garantindo que se poidan iniciar proxectos tendo acceso ao servizos públicos e de calidade", e destacou que "a iniciativa das persoas autónomas ten que "vir da man" de melloras nas condicións laborais "nun contexto no que máis da quinta parte das e dos traballadores de Galiza son persoas autónomas".

O BNG propón medidas como unha tarifa eléctrica galega que reduza os custos de montar e manter un negocio, ademais dunha "fiscalidade progresiva e adaptada aos beneficios", como ferramentas para facilitar o emprendemento e garantir que as persoas autónomas poidan desenvolver a súa actividade. Rodil defendeu que as políticas públicas teñan en conta a capacidade económica real dos pequenos negocios e as súas necesidades, cunha distribución máis xusta das cargas e medidas que contribúan a aliviar os gastos que deben afrontar.

Rodil trasladou o compromiso do BNG de levar estas demandas ao Congreso e defender medidas pensadas para as persoas autónomas de Galiza. "Recoñecer o valor do comercio de proximidade e das pequenas iniciativas empresariais, non só pola súa actividade económica, senón tamén pola súa contribución á vida das vilas e parroquias, á prestación de servizos próximos e á creación de oportunidades para vivir e traballar no País", dixo Olalla Rodil.

0.13815188407898