Olalla Rodil pediulle á Xunta unha praza de pediatra estable para Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito

LugoXa | TerraChaXa
Rodil agradeceu a presenza no Parlamento dunha representación das familias afectadas pola falta de pediatra, que seguiron a intervención da deputada nacionalista
Olalla-Rodil-pediatra-Terra-Cha-BNG
15 Nov 2024

A deputada Olalla Rodil reclamou na comisión de Sanidade unha praza de pediatra estable que atenda de maneira continuada e no seu centro de saúde para a os concellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei, e acusou o PP de tratar as familias destes municipios da Terra Chá como cidadáns de segunda.

Rodil agradeceu a presenza no Parlamento dunha representación das familias afectadas pola falta de pediatra, que seguiron a intervención da deputada nacionalista na comisión 5ª desde unha sala do Parlamento.

"Son pais e nais que nin sequera piden ter especialista en pediatría todos os días no seu centro de saúde, senón que se garanta o que había ata agora e que consultaba dous días en Cospeito, dous en Castro e un en Outeiro de Rei. Desde finais do ano pasado, a persoa titular deixou a praza, acolléndose aos seus dereitos laborais, e o Sergas non cubriu o posto de maneira estable e permanente, senón que vai parcheando”, resaltou a deputada nacionalista.

Así, desde finais do mes de outubro, as familias destes tres concellos da Terra Cha veñen mobilizándose para reclamar a cobertura estable da praza de pediatría e que presta servizo en días alternos en cada un dos centros de saúde destes municipios.

“Son vostedes os responsables de que estas familias se mobilicen”, replicou Rodil, despois de que o PP acusase o BNG de estar "petando nas portas e axitando as protestas". E dixo que "vostedes son os que os deixaron sen pediatra, porque non están cumprindo a praza de maneira estable e ademais levan médicos de familia cunhas horas de formación en atención infantil para atender as nenas e os nenos”, acusou.

Máis datos presentados

A deputada de Lugo, na réplica, sacou os datos do Sergas de 2024 nos que se recollen 26 especialistas de pediatría formados, dos cales quedaron en Galiza 18, a inmensa maioría nos hospitais. “A xente escapa das condicións nas que teñen vostedes a atención primaria”, manifestou, suxerindo ao PP que mellores as condicións laborais para resolver a falta de profesionais. Resaltou ademais que esta “fuga de pediatras non é só de 2024, pasou exactamente o mesmo en 2023”.

Rodil trasladou á comisión as experiencias das familias que aseguran que cada vez que piden unha cita ou teñen que acudir ao centro de saúde senten a incerteza de non saber se serán atendidas por un profesional formado en pediatría, se serán derivados a outro servizo ou, no peor dos casos, se terán que desprazarse ata Lugo ao Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula).

Explicou que iso significa que pasan consulta algúns días só e nin sequera todas as semanas, “porque pediatra todos os días non tiveron nunca”, aclarou. Segundo lle trasladaron as familias, “cando hai un profesional nin sequera é un pediatra sempre senón que a maior parte dos días é un médico de familia cun curso”.

A resposta do Sergas de que a praza está sendo substituída todo o que se pode cando encontran profesionais e que cando non, as crianzas son atendidas por médicos de familia non convenceu á deputada nacionalista que asegurou non poñer en dúbida “a profesionalidade de ninguén, pero aclarou que “non son pediatras, son profesionais formados en saúde de adultos pero cunha formación moi limitada para a idade pediátrica”, apuntou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.057152032852173