Olalla Rodil reivindica en Vilalba un BNG que 'só se debe ao pobo galego' e non aos líderes dos partidos estatais

A candidata do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, reivindicou este domingo en Vilalba a independencia política da formación nacionalista e o seu compromiso coa defensa dos intereses de Galiza fronte ás directrices dos partidos estatais. Nun acto aberto, Rodil asegurou que o BNG 'só se debe ao pobo galego e non a líderes de partidos estatais cuestionados antes de ser votados'.
A candidata destacou que a representación do BNG nas Cortes permitirá levar a Madrid asuntos que afectan directamente á provincia de Lugo e ao conxunto do país. 'Levaremos ao Congreso cuestións que afecten a Vilalba, a Lugo e a Galiza', afirmou, lembrando tamén que Lugo ten, segundo sinalou, as segundas pensións máis baixas do Estado.
Rodil reivindicou o traballo desenvolvido polo BNG tanto no Congreso como no Senado, onde asegurou que a formación estivo 'na vangarda' da defensa de políticas destinadas a impulsar Galiza. Neste sentido, animou a incrementar a representación nacionalista nas próximas eleccións e chamou a concentrar o voto galego no BNG para frear nas urnas as políticas da dereita e da ultradereita.
A candidata tamén criticou o bipartidismo, ao que responsabilizou de manter durante máis de corenta anos unha dinámica política que, na súa opinión, non atende suficientemente ás necesidades da cidadanía galega.
Rodil defendeu a utilidade dunha representación nacionalista propia en Madrid, fronte a deputados que, segundo afirmou, obedecen as directrices dos grandes partidos estatais. 'Preséntome a estas eleccións para conseguir resolver os problemas alí onde se toman as decisións', asegurou, insistindo na necesidade de contar con representantes que defendan os intereses de Lugo e de Galiza nas institucións estatais.