Olalla Rodil salienta o seu compromiso coas conexións ferroviarias da comarca de Lugo

A candidata do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, reafirmou o compromiso coas comunicacións en ferrocarril. Nunha visita a Parga, a cabeza de lista do BNG por Lugo lembrou que na última lexislatura un só deputado nacionalista permitiu avanzar en proxectos importantes "para garantir a conectividade das e dos veciños da comarca de Lugo en ferrocarril", dixo Rodil. A candidata afirmou que a partir do 29 de novembro, o BNG seguirá a traballar nunha variante ferroviaria exterior para Parga, que permita eliminar os pasos a nivel sen dividir a vila. "Seguiremos traballando por unhas comunicacións dignas para toda a comarca de Lugo, que permitan achegarnos ao resto de Galiza", dixo Rodil.
Durante a última lexislatura, o traballo do BNG permitiu desbloquear cuestións relevantes para a mobilidade na provincia, como a modernización da vía no treito Monforte-Lugo ou o estudo para a conexión ferroviaria directa entre Lugo e Compostela. Rodil considerou que estes avances demostran que "a presenza do BNG no Congreso é determinante para trasladar as demandas territoriais ao Goberno". “O BNG, cun só deputado, foi quen conseguiu máis melloras para as conexións ferroviarias de Lugo”, valorou a candidata do BNG, quen vinculou esta capacidade de traballo á defensa constante dos intereses de Galiza nas institucións do Estado.
En relación con Parga, a variante ferroviaria foi historicamente reivindicada como alternativa á supresión dos pasos a nivel e ás propostas que, segundo veciñas e veciños, poderían provocar un forte impacto urbanístico e separar físicamente a vila. O BNG defende que a solución debe responder ás necesidades reais da poboación e preservar a cohesión desta vila. “Seguiremos traballando para garantir conexións ferroviarias dignas que garantan a boa comunicación entre as veciñas e veciños dos diversos concellos de Lugo”, declarou Olalla Rodil, quen insistiu en que a mellora das infraestruturas debe estar ao servizo das persoas.