Olalla Rodil súmase en Pol á recollida de firmas para recuperar a atención sanitaria completa

A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, achegouse hoxe ao concello de Pol para participar na campaña de recollida de sinaturas impulsada polo BNG local co obxectivo de esixir a restitución do 100% dos servizos sanitarios no municipio.
Durante a súa visita, Rodil denunciou a situación de “grave deterioro” da Atención Primaria no rural e advertiu de que “o dereito á sanidade pública é un dereito inembargábel, mais a Xunta de Galiza, en mans do Partido Popular, está a traballar para desmantelalo progresivamente”.
A deputada nacionalista subliñou que “as galegas e galegos temos dereito a unha sanidade pública de proximidade, accesíbel e áxil, especialmente nun contexto rural como o de Pol”, lembrando que a competencia en materia sanitaria é exclusiva da Xunta. “Estamos vendo como o PP está desmantelando a sanidade neste concello, e non podemos permitir tampouco que desde o propio ámbito municipal se sigan botando balóns fóra: é necesario actuar con firmeza para que o Goberno galego reverta esta situación”, afirmou.
Rodil puxo o foco na situación concreta do centro de saúde de Pol, onde a praza médica quedou vacante tras unha xubilación. “A veciñanza que pertencía a ese cupo non sabe cando vai ter médica ou médico, porque o servizo está sendo cuberto con prolongacións de xornada doutros profesionais, que só pasan consulta luns, mércores e venres”, explicou. Esta situación obriga a que, o resto dos días, os pacientes de urxencias sexan asumidos por outro facultativo ou teñan que desprazarse ao PAC de Meira, “un servizo que tamén se atopa en precario”.
Neste sentido, a deputada advertiu de que “a situación da Atención Primaria en Galiza está a vulnerar o dereito de milleiros de persoas a recibir unha asistencia sanitaria pública de calidade, accesíbel e próxima”, incidindo en que esta problemática é “especialmente grave no rural”. Así, sinalou que veciños e veciñas de concellos como Pol, Ribeira de Piquín ou Doiras vense obrigados a realizar longos desprazamentos para seren atendidos, “sen dispor sequera de transporte público ou servizos de taxi que faciliten ese acceso”.
Por último, Rodil apelou á responsabilidade institucional e chamou á unidade de acción: “Estamos nun momento clave para o noso concello. A Corporación Municipal, como representante do conxunto da cidadanía, debe estar á altura e traballar conxuntamente, con independencia das siglas, para garantir que en Pol se poida acceder a uns servizos públicos sanitarios dignos e de calidade”.