Oleiros, a homenaxeada en 2024

TerraChaXa
O domingo, último día das festas, farase unha recepción dedicada a esta parroquia do sur do concello
sanmamede-oleiros
Igrexa de San Mamede de Oleiros
7 sep 2024

A localidade de Oleiros, ou San Mamede de Oleiros, é unha parroquia do municipio de Vilalba, que dista 8 quilómetros da capital de Terra Chá e limita coas parroquias de Noche, Nete, Sancovade, Rioaveso e o Concello de Cospeito.

Este ano será a parroquia homenaxeada nas Festas do San Ramón e Santa María de Vilalba. Este acto terá lugar o día 8 de setembro e realizarase unha recepción ata a igrexa de Santa María xunto co grupo tradicional Cerna de Árbol como acompañamento.

A maiores, haberá unha ofrenda a Manuel María ás 13.30 horas na Casa da Cultura e unha sesión vermú longa coa orquestra Travesía e o dúo Estrellas como acompañamento e fin de festa.

O nome de Oleiros honra aos fabricantes de ollas da antiga fábrica de cerámica popular que se situaba na zona. Na Idade Media aparece mencionada en diversos documentos de 1213, nos que se fai referencia á vila de San Mammes de Ollariis e ao Couto de Oleiros en 1407. O petróglifo coñecido co nome Laxe das cabras é unha mostra da arte rupestre xunto co lugar do Castro, que constitúen as pegadas más antigas.

A HISTORIA

A parroquia conta cun templo parroquial que rende culto a San Mamede e unha igrexa datada do século XVII, que ten un retablo barroco e varios neoclásicos no seu interior. Esta igrexa foi remodelada no ano 1898 sobre o templo primitivo e destaca nela o adro e o cemiterio. A pedra que se utilizou para este traballo procedía de onde hoxe se atopa a escola de Oleiros, onde existía unha pedreira xa que non había canteira de granito. O resto de materiais utilizados para facer os cruceiros e tamén os nichos do cemiterio procedían das parroquias próximas, xa que por aquel tempo o costume era facer traballos comunais ofrecendo os veciños para iso as vacas de os carros.

No cemiterio da parroquia había polo século XX unha pequena capela na que estaban os nomes dos dez veciños de Somede que faleceron na Guerra Civil, entre os anos 1936 e 1939.

Destaca a historia tamén a cárcere do Couto, que estaba no barrio do Carballo, que tamén quedou reflectido no catastro da Ensenada. Era o mesmo barrio onde estaba tamén a taberna.

Unha das maiores incógnitas desta localidade é a cruz de ferro situada en Oleiros e catro parroquias máis de Vilalba, que é un dos últimos vestixios dos tráxicos acontecementos que tiveron lugar en Sancobade e Oleiros, na guerra Carlista, fai xa 171 anos.

Dos tráxicos episodios que lembra a Cruz de Santos, punto de referencia para dividir as parroquias de Sancobade, Oleiros, Goiriz e San Xurxo de Rioaveso, no Camiño Real que tradicionalmente comunicaba estas localidades coa capital chairega, transcendeu que naquel lugar foron executadas bastantes persoas. Con todo é aquí onde se atopa o quid da cuestión, xa que as lendas populares non aclaran quen eran as vítimas nin a que bando pertencían.

Algunhas sinalaban que se trataba de combatentes carlistas, partidarios do herdeiro ao trono de Carlos María Isidro de Borbón que foron executados por parte do Exército nunha emboscada, mentres que outros apuntan a que se trataría de veciños de Sancobade e Oleiros que presuntamente axudaron aos carlistas, que ademais gozaban de gran simpatía no medio rural, a pesar de que esta expedición, cuxo obxectivo era estender o conflito civil por toda España, acabaría sendo un fracaso. Tampouco se precisa a cifra exacta de mortos, nin onde foron enterrados.

ECONOMÍA

Hoxe en día, Oleiros, a nivel económico, conta cunha queixería de San Simón e unha empresa distribuidora do Capón de Vilalba, que é pioneira na distribución e venda deste produto local, tanto no Nadal como no resto do ano.

O San Simón é un queixo de denominación de orixe, curado e elaborado con leite de vaca que forma unha parte fundamental da economía da vila, ao igual que a empresa de capóns, que obtivo varios premios e galardóns.

A historia lembra que en Oleiros, historicamente a produción fundamentouse no centeo, o trigo e o liño, segundo relatan os vellos do lugar. Ademais, contaban entre os anos 1931 e 1933 cun sindicato de labregos de Oleiros, que desapareceu co alzamento militar que rematou na Guerra Civil.
Os veciños do lugar lembra que o momento máis destacado para esta parroquia vilalbesa foi a chegada da luz e da primeira estrada. Esta fíxose pola Panchita no ano 1963 de pedra, e despois foi polo Ventorro, xa no ano 1980, con saída polos lugares de Seixas e Pino, en Cospeito.

Tamén contaba Oleiros co seu propio modelo informativo, La Voz de Oleiros, que se publicou entre os anos 1923 e 1924 de forma mensual.

Este xornal estaba dirixido polo mestre nativo Pedro Aquilino Paz Lamas, máis coñecido como Mestre de Xan Paz.

Ademais de participar nas patronais de Vilalba deste ano, Oleiros celebra as súas propias festas, como é a festa da Virxe do Carme a mediados de xullo. Consiste nunha festividade relixiosa en honra á Virxe, onde os asistentes destas xornadas poden participar na celebración dos actos relixiosos e gozar con grandes actuacións musicais con orquestras do momento. A orixe da celebración está no ano 1593, organizada pola confraría da Virxe do Carme. Dous ramistas encargábanse de organizada coa recadación en cereal dos asociados, que se puxaba o día anterior á festa. Os cartos estaban destinados á celebración, para uns cirios anuais e unhas misas cantadas, que se celebraban cada venres. Tamén tiña que chegar para levar candeas aos socios cando estes falecían.

Tamén está o San Mamede, celebrado normalmente en setembro, que tamén conta con oficios relixiosos, e actuacións musicais coas orquestras do momento. Aínda que o patrón é o 4 de agosto, a festa cambiouse de data xa que os maiores e a xente que acudía ás mallas en Castela, aínda non estaba de volta para primeiros de agosto.

Completan as opcións festivas a Nosa Señora do Socorro, no mes de maio. Esta celebración é compartida polas tres parroquias veciñas de Oleiros e os dous Rioavesos, o de Cospeito e o de Vilalba.

CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE

0.18145990371704