Oleiros, en Vilalba, prepárase para a Romaría da Virxe do Carme

TerraChaXa
O sábado, partir das 15.30 horas, os asistentes poderán gozar dunha comida campestre baixo carpa
romaria-virxe-do-carme-oleiros
11 Jul 2026

A parroquia de Oleiros, en Vilalba, xa se prepara para celebrar a tradicional Romaría da Virxe do Carme os días 18 e 19 de xullo. A cita, que cada ano reúne a veciños e visitantes, promete nesta edición unha intensa programación festiva que combina relixiosidade, gastronomía e música para todos os públicos.

O sábado 18 de xullo, a xornada comezará ás 13.30 horas coa misa solemne e a tradicional procesión, seguida dunha sesión vermú amenizada polo grupo Folixa. A partir das 15.30 horas, os asistentes poderán gozar dunha comida campestre baixo carpa, servida por Taberna O Trasno. Pola tarde, actuará o dúo Carlos e Javi, e xa entrada a noite terá lugar a gran verbena coa actuación novamente de Folixa e o dúo Carlos e Javi.

O domingo 19 de xullo, repetirase a misa ás 13.30 horas e a procesión, seguido dunha nova sesión vermú a cargo do Dúo Eclipse. A comida campestre, tamén ás 15.30 horas, contará de novo co servizo da Taberna O Trasno e unha ampla variedade de menús para adultos e nenos, tanto o sábado como o domingo.

As reservas para os menús deben realizarse previamente a través dos teléfonos facilitados pola organización (Pablo - 684 124 665, Elisa - 673 440 745 e Jose - 699 784 033) e as comidas, dependendo do día, contarán con opcións e prezos diferentes.

Para o sábado a mediodía, o menú inclúe empanada, polbo con cachelos e solomillo de porco con guarnición, bebida, sobremesa, café e licores por un prezo de 40 euros para adultos e 25 euros para nenos, mentres que a cea dese mesmo sábado consistirá en paella cun custo de 15 euros. De cara ao domingo a mediodía, os comensais degustarán mexillóns a vinagreta, langostinos á plancha e churrasco mixto, cun prezo de 35 euros para os adultos e 20 euros a tarifa infantil. En tódolos casos das comidas a mediodía inclúese a bebida, o postre, o café e os licores.

A organización dispón ademais dun prezo especial para o menú completo de adultos por 70 euros e para o menú infantil completo por 45 euros. Cómpre suliñar que os nenos de 0 a 6 anos poderán comer de balde, mentres que os de 7 a 12 anos rexeranse pola tarifa infantil.

Para anotarse a estas comidas, as persoas interesadas teñen á súa disposición varios teléfonos de contacto habilitados.

A romaría celébrase nun campo cuberto con carpa, garantindo comodidade ante posibles inclemencias meteorolóxicas.

0.11845016479492